Escrito o:
Xornada Internacionalización: Etiopía, país de grandes oportunidades
Etiopía é un dos países africanos de maior crecemento anual ao longo dos últimos 10 anos. O denominado Plan de Transformación e Crecemento lanzado en 2010, é o documento que inspira na actualidade o crecemento económico de Etiopía, baseado no reforzo da agricultura, a electrificación do país, a construción de grandes eixos de comunicación vertebradores do país e a industrialización orientada á exportación.
Actualmente o Goberno do país está a executar unha política exterior de captación de investimentos directos coas que levar a cabo ese programa que pretende converter Etiopía nun país de renda media para o 2024. Un dos índices que dan conta do éxito que se está obtendo é o feito de que Etiopía será un dos poucos países que consigan alcanzar a práctica totalidade dos Obxectivos do Milenio para 2015.
Por outra banda, Etiopía ten a consideración de "país prioritario" no Plan África adoptado polo Consello de Ministros en 2006.
Os principais sectores en desenvolvemento neste país africano e onde a empresa galega pode atopar interesantes oportunidades de negocio, son:
- Edificación e obra civil: tanto construción de vivendas e edificios administrativos públicos e privados, como vías de comunicación terrestre, ferrocarrís, aeroportos e portos secos.
- Enerxía: enerxías renovables, tanto hidráulica, eólica e solar.
- Agricultura e agroalimentación
- Industria téxtil, coiro e automoción.
Coa finalidade achegar o mercado de Etiopía e estas oportunidades de negocio ás empresas lucenses e proxectos aos que se pode acceder actualmente, a CEL organiza para o próximo día 11 de decembro, xoves, unha xornada informativa que terá lugar na súa Escola de Empresarios e Centro de Formación a partir das 19:00 horas.
Contarase con relatores dunha consultora especializada no mercado de Etiopía e exporanse algúns exemplos de éxito de empresas españolas no país africano (ao final desta entrada pódese descargar o programa completo).