Voltar atrás

Escrito o:

Xornada en Lugo sobre Subvencións á Innovación nas Pemes

A Comisión Europea lanzou hai un ano un ambicioso programa para o período 2014-2020 dirixido ao desenvolvemento da innovación denominado HORIZON 2020. Unha das principais novidades deste programa é o "Instrumento PEME", dotado con 2.700 M de €, un esquema de financiamento en fases dirixido a dar apoio a Pemes que teñan a ambición de crecer, desenvolverse e internacionalizarse a través dun proxecto de innovación de dimensión europea.

A convocatoria do Instrumento PEME é permanente, con varias datas de corte ao longo do ano, de temática aberta. Pode solicitarse só por Pemes individualmente (non é obrigatorio crear consorcios, nin se aceptan proponentes con perfil distinto ao da PEME) e estase acompañado por especialistas na execución do proxecto.

Este instrumento é extraordinariamente atractivo para as Pemes, xa que non están obrigadas a subcontratar as tarefas de I+D. Os proxectos deben estar próximos ao mercado (investigación aplicada e innovación) e a presentación de propostas queda simplificada. Na avaliación valórase especialmente o crecemento potencial da empresa e as súas oportunidades de mercado, máis que a parte científico-técnica.

Xornada

Coa finalidade de informar sobre estas oportunidades de financiamento, desde a CEL organizamos unha xornada en Lugo: terá lugar o vindeiro xoves día 11 de decembro de 2014, en horario de 17:00 a 20:00 horas, nas instalacións do Centro de Iniciativas Empresariais da nosa Fundación. Contarase con técnicos dunha consultora especializada e da Axencia Galega de Innovación - GAIN (descargar programa completo ao final desta entrada).

A xornada está dirixida principalmente a representantes de Pemes e emprendedores de Lugo que estean interesados en desenvolver un proxecto de innovación, sen importar nin a súa temática, nin o sector, nin o seu grao de maduración. Unicamente resulta de importancia a ambición da peme para expor un proxecto durante o primeiro semestre de 2015.

Facilitarase aos participantes a posibilidade de concertar unha reunión privada bilateral de 15 minutos cun dos relatores (é necesario manifestalo anticipadamente ao comezo da Xornada).

Inscricións á xornada e ás entrevistas a través da seguinte ligazón:

                                                                TRAMITAR INSCRICIÓN