Escrito o:
Recepción na Consellería de Economía e Industria á delegación surcoreana
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo o pasado venres un encontro coa delegación coreana que está a visitar Galicia convidada pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), co obxectivo de analizar vías de negocio entre as empresas galegas e as deste país asiático, décimo cuarta economía mundial e un dos países da zona con mellores perspectivas económicas.
No encontro participaron, ademais do conselleiro Francisco Conde e o director do Igape, Javier Aguilera, In-Cheol Le, presidente da Comunidade Coreana en Madrid, e Lara Kim, colaboradora da Oficina Comercial de Corea en España (KOTRA- Korea Tradeo and Investment Promotion Agency), así como o conselleiro delegado da CEL, Jesús Quintá; o secretario xeral desta organización, Jaime López, e o interventor, José Luís Ferreiro.
Neste encontro analizouse a posibilidade de pór en marcha actuacións conxuntas para promover os intercambios comerciais, entre as que se atoparía a organización dunha misión comercial inversa. Corea do Sur presenta oportunidades para as compañías galegas que apostan pola calidade en sectores como o agroalimentario, os compoñentes da automoción, moda e complementos, enerxías renovables, o sector servizos e o turístico.
As exportacións galegas a este país superaron en 2013 os 38 millóns de euros, un 28% máis que o ano anterior, mentres que a taxa de cobertura superou o 99%. As exportacións de Corea do Sur, que asentou o seu crecemento en investimentos en innovación, representan o 50% do seu PIB.
Fin da visita
Con esta recepción, púxose fin á primeira visita dunha delegación surcoreana a Galicia, primeira aproximación con este país asiático que abre as portas a novos contactos en datas próximas. Durante esta primeira visita os representantes da comunidade surcoreana aloxáronse en Lugo, cidade na que desenvolveron diferentes actividades como a firma dun protocolo de colaboración coa CEL, unha xornada informativa sobre oportunidades de negocio na República de Corea ou a visita ao polígono das Gándaras, entroutras.