Voltar atrás

Escrito o:

Lugo e Corea do Sur estreitan lazos

Unha delegación da República de Corea está de visita en Lugo estes días, convidada pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL),  para establecer un primeiro contacto comercial con empresas lucenses e pechar vías de colaboración empresarial entre ambas as comunidades. Concretamente, estes días visitan a cidade In-Cheol Le, presidente da Comunidade Coreana en Madrid (CMM) e Lara Kim, colaboradora oficial de KOTRA (Oficina Comercial de Corea en España).

Trátase dunha primeira aproximación entre representantes da comunidade empresarial coreana en España e empresarios de Lugo, previa á posible organización de dúas misións comerciais, unha directa e outra inversa, entre ambos os países.

No marco desta visita o presidente de CMM, In-Cheol Le, e o secretario xeral da CEL, Jaime López, subscribiron esta mañá un convenio de colaboración previsto ante "a actual conxuntura económica en España e Galicia", que "puxo de manifesto a necesidade de abrir novos mercados fóra dos propios dentro do territorio autonómico e nacional, que favorezan o desenvolvemento e a competitividade das nosas empresas de face ao futuro".

Fomento da internacionalización

En virtude deste acordo, ambas as entidades buscarán "promover a participación das súas empresas asociadas en proxectos que fomenten a internacionalización e os intercambios comerciais entre a República de Corea e Galicia, con especial atención á provincia de Lugo", entre outras accións destinadas a reforzar lazos de entendemento e o coñecemento da cultura e idiosincrasia coreanas por parte das empresas lucenses.