Escrito o:
O produto lucense, con potencial de entrada no mercado surcoreano pola súa alta calidade
A nosa sede central acolleu esta tarde a xornada informativa "República de Corea: un mercado asiático para Galicia", na que interviñeron os membros da comunidade coreana en España In-Cheol Le e Lara Kim, así como os avogados José Luís Trancón e Alberto Sastre, abordando temas como a situación actual do mercado surcoreano, oportunidades de negocio, sectores de interese, marco xurídico, entre outras cuestións.
Máis dunha vintena de empresas da provincia e doutros puntos de Galicia tiveron presenza nesta xornada, pertencentes a sectores como o vitinícola, agroalimentario, pesca e transformación, equipamento industrial ou enerxías renovables, ademais de axencias de exportación.
Na xornada In-Cheol Lee destacou as grandes posibilidades que Corea do Sur ofrece como mercado para as empresas de Lugo e galegas en xeral: porque se trata dun mercado dinámico e aberto á recepción de novos produtos novos e de alta calidade, polo maior coñecemento que na actualidade existe de España grazas ao fútbol ou ao Camiño de Santiago, ou pola condición de porta de entrada a outros mercados asiáticos do país.
Con anterioridade á xornada o presidente da Comunidade Coreana e o secretario da CEL suscribiron un acordo de colaboración para promover actividades conxuntas que axuden a estreitar lazos entre ambas comunidades.
Visitas venres
Por outra banda, no marco desta viaxe a Lugo, In-Cheol Le e Lara Kim visitarán mañá venres, o Polígono Industrial das Gándaras, da man da delegada territorial da Xunta de Galicia, Raquel Arias, e representantes de Xestur. Mañá participarán tamén nunha recepción oficial co titular da Consellería de Economía e Industria, Francisco José Conde, en Santiago de Compostela.