Escrito o:
Xornada: República de Corea, un mercado asiático para Galicia
Conscientes da importancia na actual conxuntura de ampliar horizontes, o próximo día 26 de xuño, xoves, a partir das 19:00 h., desde a Confederación de Empresarios de Lugo organizamos a Xornada "REPÚBLICA DE COREA, UN MERCADO ASIÁTICO PARA GALICIA", co obxectivo de achegar ás empresas galegas as oportunidades de negocio e investimento que o mercado surcoreano ofrece.
Para darnos unha visión xeral do panorama económico surcoreano e as estratexias de acceso a este mercado máis interesantes, contaremos nesta xornada coas achegas do presidente da Comunidade Coreana en España, representantes da Oficina Comercial de Corea en España (KOTRA), e expertos en relacións comerciais co mercado coreano (ao final desta entrada pódese descargar programa completo).
O mercado surcoreano
A República de Corea é un mercado novo e cheo de oportunidades, que pode ademais converterse en trampolín cara a outros mercados asiáticos. A aplicación, desde 2011, dun Acordo de Libre Comercio coa UE supuxo a eliminación dos dereitos de importación para case todos os produtos, ademais de liberalizar amplamente o comercio de servizos, o que unido a novas disposicións en materia de investimento e protección da propiedade intelectual e a eliminación de barreiras arancelarias, fomentou o acceso e a consolidación de provedores da UE no mercado surcoreano e facilitado enormemente a entrada das empresas comunitarias neste país.
Entre os sectores que se perfilan con máis oportunidades de negocio na República de Corea atópanse, entre outros, os relativos a enerxías renovables, medio ambiente, construción industrial, produtos agroalimentarios, compoñentes de automoción e moda e complementos.
Con posterioridade á celebración da xornada do día 26 estudarase o desenvolvemento, a partir do mes de setembro, dunha misión empresarial directa a Corea, á que seguirá unha inversa na que empresarios coreanos que xa mostraron interese polo mercado galego desprazaranse á nosa Comunidade.
Inscricións
Se estás interesado en asistir a esta primeira xornada de contacto coa República de Corea, que terá lugar na nosa sede central (Praza de Santo Domingo, 6-8, 2ª Planta) deberás cumprimentar a ficha de inscrición a través da seguinte ligazón:
INSCRICIÓN XORNADA – PAÍS COREA
Para máis información, contactar co Departamento de Comercio Exterior da CEL no teléfono 982 23 11 50 ou a través de mail comercioexterior@cel.es.