Escrito o:
Directivos da CEL e Cegasal visitan o centro comercial de Abella
Representantes da CEL e Cegasal, entidade coa que a confederación lucense colabora en materia de inserción laboral, percorreron hoxe as obras do novo centro comercial de Abella, que abrirá en Lugo o próximo ano.
Jesús Quintá e Jaime López, conselleiro delegado e secretario xeral da CEL respectivamente, e José Antonio Vázquez Freire, presidente da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (CEGASAL) percorreron as instalacións da man de Javier Ferreiro, responsable do centro comercial, e Manuel Criado, un dos propietarios.
O obxectivo desta visita era o de coñecer de preto unha nova iniciativa empresarial que nace en Lugo, que incentivará á súa vez o nacemento de novas empresas na zona, así como tamén a creación de emprego na cidade.
Emprego e desenvolvemento
O conselleiro delegado da CEL, Jesús Quintá, sinalou que o centro de Abella é "sen dúbida é unha oportunidade de emprego, de desenvolvemento e de riqueza para Lugo". Destacou o bo equipamento "pois por dentro os espazos, a distribución e capacidade que ten son maiores que o que se poida supor só vendo o exterior" e subliñou que "precisamente nestes momentos de crises fai falta xente valente que poña en marcha iniciativas como esta". Manifestou tamén o seu convencemento de que "a pouco que se salga da crise, o centro xerará sen dúbida negocio: é, sen ningunha dúbida, unha oportunidade".
Pola súa banda, o presidente de CEGASAL, José Antonio Vázquez Freire, manifestou o seu agradecemento pola invitación a esta visita empresarial ao centro, ao que a súa organización asesorou en materia de adaptabilidad, e coincidiu co conselleiro delegado da CEL en que xerará "oportunidades, riqueza e emprego para a provincia"; "é un centro comercial que vai achegar moito a Lugo e ao resto de Galicia -destacou o dato de que o 90% dos materiais co que se está construíndo sexa materia prima galega- que abre vías de emprego, por suposto, tamén para o colectivo de persoas con discapacidade".
Manuel Criado, pola súa banda, subliñou tamén a súa seguridade de que a posta en marcha do centro de Abella frutificará no sentido indicado tanto desde a CEL como de CEGASAL, de xeración de novas iniciativas empresariais, negocio e emprego.