Voltar atrás

Escrito o:

Máis beneficios para as nosas empresas asociadas

A nosa sede central acolleu hoxe a firma de dous novos acordos comerciais entre esta organización e dúas entidades privadas por medio dos cales as empresas e asociacións integradas optarán a novos beneficios e descontos en diferentes servizos.

Concretamente, subscribimos un primeiro acordo con Control Industrial, Métodos e Ensaios S.L. (CIMESA), Organismo de Control Autorizado para que os asociados da CEL reciban información e asesoramento e un trato preferente e descontos de até un 20% nas tarifas habituais desta OCA en servizos de inspección regulamentaria de instalacións de baixa tensión dos locais que o necesiten.

Este acordo é de especial importancia, posto que desde a entrada en vigor, en setembro de 2003, do novo Regulamento de Baixa Tensión (RD 842/2002), estableceuse a obrigatoriedade de realizar inspeccións iniciais e periódicas, cada 5 anos, en diversas instalacións eléctricas de baixa tensión, entre as que se atopan os locais de pública concorrencia como bares, cafetarías, restaurantes, hostais, hoteis, clínicas, locais comerciais, locais con risco de incendio e explosión como talleres de reparación de vehículos, entre outros.

A maiores, non realizar as inspeccións en prazo podería ser considerado como infracción grave pola Consellería de Economía e Industria, o que levaría aparelladas sancións que oscilan entre os 300 e os 3.000 €. Ademais, en caso de accidente eléctrico as compañías aseguradoras poderían non facerse cargo se a instalación non superou a inspección regulamentaria correspondente.

É importante destacar tamén que as instalacións anteriores a setembro de 2003 tiñan de prazo até setembro de 2008 para realizar a primeira inspección periódica, polo que neste momento, se aínda non realizaron a inspección regulamentaria, a instalación estaría a incumprir o estipulado no Real Decreto 842/2002.

Mercadotecnia Online

Por outra banda, tamén subscribimos un acordo con Galos Comunicación S.L. en virtude do cal as nosas empresas asociadas poderán optar a servizos de de comunicación e de estratexia de mercadotecnia online, con descontos en prezos que oscilarán entre o 5 e o 10% respecto das súas tarifas habituais. Os servizos obxecto deste acordo inclúen desde creación e mantemento de perfís sociais a tendas virtuais, e-commerce, e-mail mercadotecnia, entre outros.

Neste sentido, hoxe día non pode obviarse a relevancia das novas tecnoloxías na estratexia xeral da empresa e o acceso a novos mercados.

O acto de firma de ambos os acordos tivo lugar hoxe na sede central da CEL, entre o seu secretario xeral, Jaime López, e os representantes, por unha banda, de CIMESA, Luís Seco e, por outra, de Galos, José Manuel Arias.

Máis información sobre estes convenios na páxina web da CEL, no apartado de ACORDOS COMERCIAIS.

Na foto, de esquerda a dereita, Luís Seco, Jaime López e José Manuel Arias.