Voltar atrás

Escrito o:

Reunión do consello de administración da CEL cos empresarios de A Mariña

Os membros do consello de administración da CEL mantiveron este xoves un xantar de traballo con presidentes das asociacións de comerciantes e industriais da Mariña, así como co presidente de "A Mariña Federación", impulsada por estas organizacións para fomentar o desenvolvemento social e económico da zona mediante fórmulas de cooperación e traballo conxunto.

Nesta liña colaborativa inscríbese o encontro mantido, que afonda no bo entendemento que xa mantén a CEL coas ACIAS  da Mariña, e que se fai firme agora co apoio expreso á actividade que desenvolva a nacente Federación.

Neste sentido, desde a CEL destácase que "apoiará en todo o que lle sexa posible" aos industriais e comerciantes da zona e ao labor que teñen previsto pór en marcha a través da Federación para incentivar o desenvolvemento socioeconómico da Mariña, pois "todo o que beneficia á Mariña beneficia tamén a Lugo", en palabras do conselleiro delegado da CEL, Jesús Quintá. A nivel práctico, facilitarán á Federación o acceso á súa infraestrutura (locais e persoal) na Mariña, para dar soporte ao seu traballo futuro.

Cámara Comercio

Por outra banda, o presidente da Mariña Federación, Ramón Leivas, formará parte da candidatura que corresponde remitir ás organizacións empresariais para formar parte no futuro do Pleno da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Lugo, tal e como decidiu tamén o Consello de Administración da CEL en reunión mantida na Mariña. Acompañaranlle nesta candidatura Luís García Santalla, como presidente da Fundación CEL - Iniciativas por Lugo, e Lourdes Pardo, en calidade de secretaria da Fundación Campus Universitario de Lugo.

Desde a CEL destacan que nesta candidatura cobran relevancia as institucións que forman parte da mesma: a Fundación CEL polo seu labor de apoio ao os emprendedores, a Fundación Campus Universitario de Lugo polo seu traballo en relación á mellora da formación universitaria na provincia e  A Mariña Federación polos seus obxectivos de contribuír ao desenvolvemento socioeconómico da Mariña.

Bo entendemento

Ramón Leivas sinalou o seu desexo deste bo entendemento coa CEL "mantéñase por moito tempo" e acepta a súa candidatura á Cámara de bo grando, con ánimo de "como socio da CEL e representante da Mariña", contribuír dalgún modo a que "Lugo teña unha Cámara de Comercio racional" para a prestación de servizos básicos aos empresarios da provincia.

Asistentes

Entre outros vogais do consello de administración da CEL, ao encontro celebrado na Mariña asistiron os conselleiros delegados executivo, territorial e sectorial da CEL (Jesús Quintá, Anxo Hermida e Carmen Castelao, respectivamente), así como o presidente da Fundación CEL, Luís García Santalla. Asistiron tamén Ramón Leivas Lavandeira, presidente da Mariña Federación, Roberto Rivas Tomei, presidente de Acisa Ribadeo, Juan Carlos Calvo Cobelo, presidente do ACIA de Xove, Ánxel Vázquez Igrexas, presidente do CCH de Viveiro, Juan Carlos Paleo López, presidente do ACIA de Foz ou Mª Regina Lamelas Cobelo, presidenta do ACIA do Vicedo.

Foto: Cedida por FOTO MIGUEL de Ribadeo.