Voltar atrás

Escrito o:

CEL e Mutua Gallega colaborarán na divulgación da normativa laboral entre os empresarios

A sede central da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu hoxe o acto de firma dun protocolo de colaboración entre esta entidade e Mutua Gallega, pensado para mellorar o coñecemento e a difusión entre os empresarios de Lugo de diversa normativa que emana do Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Balbino Cruces Cerviño, director - xerente de Mutua Gallega, e Jaime López Vázquez, foron os encargados de subscribir este acordo, que terá unha vixencia inicial dun ano prorrogable se existe acordo entre as partes.

Este convenio de colaboración vén reforzar a relación entre as entidades asinantes, xa mantida a través da participación da CEL na Comisión de Control e Seguimento de Mutua Galega. Igualmente, a súa firma responde o obxectivo da CEL de mellorar os servizos que xa vén ofrecendo aos seus empresarios asociados a través de acordos comerciais con terceiros que supoñan acceso a información e asesoramento adicional, así como a descontos comerciais e outros beneficios en diferentes produtos e servizos.

En relación ao contido deste acordo en concreto, a CEL considera prioritario o desenvolvemento de actuacións que, en beneficio dos empresarios da provincia de Lugo, favorezan o coñecemento, difusión e formación sobre cuestións relacionadas coa normativa en materia de Seguridade Social, suxeita a cambios e modificacións lexislativas continuas.

Mutua Gallega

Mutua Gallega é a Mutua de Galicia, e goza da maior implantación nesta Comunidade Autónoma, protexendo a máis de 180.000 traballadores por conta allea e 50.000 autónomos dunhas 34.000 empresas de todos o sectores de actividade.