Voltar atrás

Escrito o:

El Comité de la CEG aprueba un nuevo Estatuto en Lugo

O Comité Executivo da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), reunido en Lugo no día de hoxe, deu un impulso decisivo ao desenvolvemento do novo Estatuto que rexerá esta entidade nos próximos anos, e froito da proposta da candidatura do agora presidente, José Manuel Fernández Alvariño.

Entre as novidades máis destacadas que se incorporan ao Estatuto figuran a limitación de mandatos do presidente da organización, a dous de carácter cuatrienal ou a incompatibilidade á hora de ostentar a presidencia da CEG e o mesmo cargo nunha confederación provincial.

A coordinación de secretarios xerais, dirixida polo secretario xeral da CEL, Jaime López, posibilitou tamén a aprobación dentro do novo texto estatutario a repartición proporcional de representantes do catro confederacións provinciais nos órganos de decisión da Confederación de Empresarios de Galicia.

Estas modificacións do Estatuto da CEG pretenden dar corpo ás propostas programáticas do hoxe presidente da organización e achegala aínda máis á realidade das empresas.

Con iso, a Confederación de Empresarios de Galicia entende que se logrará unha maior equidade na distribución territorial á hora de determinar os obxectivos e procedementos que rexan o devir da organización galega.

Esta reforma estatutaria aprobada hoxe polo Comité Executivo da CEG será referendada pola Asemblea Xeral da entidade, que se reunirá no mes de novembro.

Visita a Lugo

O traslado da reunión do Comité a Lugo incluíu un amplo programa de actos institucionais na cidade, que comprendeu visitas institucionais ao Concello de Lugo, onde mantiveron un breve encontro co alcalde, José Clemente López Orozco; á empresa láctea Leite Río, cuxas instalacións percorreron acompañados do seu conselleiro delegado, Jesús Lence Ferreiro, e ao viveiro de empresas da Fundación CEL - Iniciativas por Lugo, no que puideron coñecer o seu traballo de apoio emprendedores acompañados do presidente desta entidade, Luís García Santalla.

Con posterioridade a este programa de visitas, tivo lugar unha rolda de prensa na sede da CEL, na que participaron o presidente da CEG, acompañado d os presidentes provinciais José Manuel Pérez Canle (CEO), Luís Novoa (CEP) e Jesús Quintá, conselleiro delegado da CEL.

Fernández Alvariño subliñou na súa intervención o seu total apoio ás demandas dos empresarios lucenses en materia de infraestruturas, pois os actuais atrasos "non responden a tempos modernos".

En concreto, desde a CEL sublíñase como fundamental finalizar a Autovía do Cantábrico e garantir a conexión, tamén por autovía, de Lugo con Santiago e Ourense, do mesmo xeito que impulsar o porto seco de Monforte e facilitar a creación da Autoridade Portuaria na provincia, pois Lugo segue sendo a única marítima que non conta con ela. Garantir a conexión de Lugo por ferrocarril coas liñas de AVE tamén se demanda como prioridade para contar na provincia con servizos básicos.

Outro tema que suscitou amplo debate nas diferentes visitas realizadas en Lugo ao longo da mañá foi a necesidade de estimular a finalización de ciclos produtivos na provincia. Na rolda de prensa conxunta anunciouse neste sentido o desenvolvemento dun estudo conxunto entre CEL e CEG para coñecer a realidade do sector forestal e agroalimentario a fin de trasladalo á Administración.

Ver máis fotos