Voltar atrás

Escrito o:

Nova edición do Concurso de Tapas de Lugo

A partir deste venres, 13 de setembro, até o día 30 deste mes, terá lugar a novena edición do Concurso de Tapas de Lugo, que organiza a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo (APEHL) e o Concello de Lugo.

En total, 44 establecementos confirmaron a súa participación nesta edición do Concurso, ao que que concorren cunha única tapa, a degustar en horario de 13.00 a 15.30 e de 20.00 a 22.30 horas e cuxo prezo oscila entre un e tres euros.

Como en edicións anteriores, o gañador do concurso elixirao o público, polo que será o local que teña a tapa máis votada. O público tamén concederá os premios das categorías Marqués de Cernadas, á mellor tapa elaborada con este queixo con denominación de orixe de Cebreiro, e Ecolóxica, á mellor tapa preparada con produtos certificados polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia. Así mesmo, escollerá o dez locais finalistas entre os que o xurado profesional outorgará os premios das categorías Tapa Creativa, Tapa Tradicional, Maridaxe con viño da Ribeira Sacra e Maridaxe con cervexa Estrela Galicia.

Como novidade, este ano tres establecementos compiten con tapas sen glute para celíacos, identificadas como tal nos trípticos do concurso. Outra diferenza respecto da última edición é a posibilidade de pagar as tapas con pesetas.

Premios para o público

APEHL tamén indica que se sortearán entre os consumidores desde unha viaxe dunha semana para dúas persoas e un fin de semana a unha cidade europea igualmente para dúas persoas até rutas en catamarán, catas en adegas da Ribeira Sacra, circuítos termais, noites en hoteis, ceas en restaurantes...

Para poder emitir o seu voto e conseguir algún dos premios, os interesados terán que facer uso dos cupóns que se distribuirán por todos os establecementos, cubrilos debidamente co selo de tres locais e depositalos na urna da que disporán os participantes. Para optar ao premio principal dunha viaxe dunha semana para dúas persoas haberá que cubrir un pasaporte cos selos dos 44 locais.

Foto: Captura de pantalla da Web do Concurso, onde poden consultarse establecementos participantes, detalles das tapas...