Escrito o:
Nova programación formativa da CEL en prevención de riscos laborais
Ao longo do mes de setembro desenvolveremos un novo programa formativo en materia de prevención de riscos laborais (PRL). O programa, posto en marcha en base ás axudas da Xunta de Galicia destinadas a accións de fomento da prevención, inclúe a celebración de tres xornadas maxistrais, un seminario e un curso práctico.
En total, 145 alumnos poderán beneficiarse destas accións, de carácter gratuíto para os beneficiarios e dirixidas de forma preferente a empresarios e traballadores en activo da empresa privada, con especial atención a técnicos e profesionais de prevención de riscos laborais e responsables de saúde laboral. Poderán participar tamén desempregados a condición de que non sexan demandantes de primeiro emprego.
Programación
As xornadas maxistrais terán lugar no sur, norte e centro da provincia, en Monforte (o 13 de setembro), Ribadeo (o 20 de setembro) e Lugo (o 27 de setembro) respectivamente. De cinco horas de duración, baixo o título "Xestión da Prevención de Riscos na Empresa: A batalla ACTIVA da Prevención", buscan informar as liñas básicas e últimas novidades en materia de xestión da prevención de riscos laborais no seo dunha empresa, á vez que concienciar sobre a súa importancia para previr accidentes e enfermidades laborais, reducindo ao máximo a posibilidade de que as persoas sufran danos como consecuencia do seu traballo.
Nesta liña, as xornadas están conformadas por un total de tres relatorios ofrecidos por José Ignacio Garrote Freire, xefe de servizo de Seguridade e Saúde laboral da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo e Benestar Social que se centrará na importancia dunha adecuada xestión preventiva na súa conferencia "A batalla ACTIVA da Prevención"; Fernando Barreira Nadela, técnico de prevención de riscos de Fremap, que analizará a "Xestión da Prevención na Empresa" e Nicolás González Raposo, xefe de inspección de Traballo e Seguridade Social de Lugo, que detallará as "Responsabilidades e sancións en materia preventiva".
A maiores, o 14 de setembro, en Lugo, celebrarase un Seminario Práctico, tamén de cinco horas de duración, sobre "Manexo de Carretillas Elevadoras" e o 28 de setembro, tamén en Lugo, un curso práctico sobre "Métodos de Extinción de Incendios".
Inscrición
As prazas son limitadas (un total de 35 para cada xornada maxistral e 20 no caso do seminario e o curso práctico), polo que se require inscrición previa obrigatoria. A reserva de praza pode tramitarse xa enviando o boletín dispoñible ao final desta entrada á dirección de e-mail formacion@cel.es ou do número de fax 982 28 49 90 ou directamente na Escola de Empresarios e Centro de Formación da CEL (Tel. 982 28 40 15).