Voltar atrás

Escrito o:

Monforte acollerá unha xornada maxistral da CEL en materia de PRL

O próximo día 13 de setembro organizamos en Monforte de Lemos a Xornada Maxistral "Xestión de Riscos na Empresa: a Batalla Activa da Prevención" a través da que se buscamos informar as liñas básicas e últimas novidades en materia de xestión da prevención de riscos laborais no seo dunha empresa, á vez que concienciar sobre a súa importancia para previr accidentes e enfermidades laborais, reducindo ao máximo a posibilidade de que as persoas sufran danos como consecuencia do seu traballo.

Nesta liña, a xornada maxistral, de cinco horas de duración, estará conformada por un total de tres relatorios que se desenvolverán entre as 9:00 e as 14:00 horas, no Centro de Maiores Novacaixagalicia de Monforte. Concretamente, José Ignacio Garrote Freire, xefe de servizo de Seguridade e Saúde laboral da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo e Benestar Social ofrecerá a conferencia "A batalla ACTIVA da Prevención"; Fernando Barreira Nadela, técnico de prevención de riscos de Fremap, analizará a "Xestión da Prevención na Empresa" e Nicolás González Raposo, xefe de inspección de Traballo e Seguridade Social de Lugo, detallará as "Responsabilidades e sancións en materia preventiva".

Esta xornada, de carácter gratuíto para os asistentes, está dirixida de forma preferente a empresarios e traballadores en activo da empresa privada, con especial atención a técnicos e profesionais de prevención de riscos laborais e responsables de saúde laboral. Poderán participar tamén desempregados a condición de que non sexan demandantes de primeiro emprego.

Inscrición

As prazas son limitadas (un total de 35) e requírese inscrición previa obrigatoria. A reserva de praza pode tramitarse xa enviando o boletín descargable ao final desta entrada á dirección de e-mail formacion@cel.es ou ó número de fax 982 28 49 90. Máis info a través da Delegación da CEL na Zona Sur (tel. 982 40 49 05) ou da Escola de Empresarios e Centro de Formación da CEL (Tel. 982 28 40 15).

Programación PRL

A xornada maxistral de Monforte forma parte dun programa formativo máis amplo en materia de seguridade e saúde laboral que desenvolverá a CEL ao longo deste mes de setembro en base ás axudas da Xunta de Galicia para accións de fomento da prevención de riscos laborais. Máis info.

Foto: Parador de Monforte de Lemos. Arquivo CEL.