Escrito o:
Nova edición do Programa de Prácticas Profesionais da CEL
A edición 2013 do Programa de Prácticas Profesionais en Empresas da CEL xa está en marcha. As empresas de Lugo interesadas en acoller a uns alumnos en prácticas ao longo do próximo mes de novembro poden tramitar desde xa a solicitude a través da Escola de Empresarios e Centro de Formación da CEL.
Ao redor dun centenar de alumnos que nestes momentos están a participar en diferentes accións formativas na Escola de Empresarios da CEL, correspondentes á programación formativa AFD 2013, estarán dispoñibles no marco deste programa para realizar prácticas nas empresas lucenses. Concretamente, os cursos nos que se están formando pertencen ás áreas de Contabilidade, Fiscalidade, Finanzas, Recursos Humanos, Administrativa e Turismo.
Ao final desta entrada pódese descargar máis información sobre os postos de traballo concretos que poden desenvolver os alumnos de cada unha destas áreas formativas, así como o calendario do período de prácticas ou o número de horas. Tamén está dispoñible o impreso de solicitude que han de cubrir as empresas en disposición de acoller alumnos.
A colaboración das empresas neste programa, que o pasado ano foi excepcional, resulta imprescindible e beneficiosa tanto para o alumno, que accede á posibilidade de aplicar de forma práctica os coñecementos teóricos adquiridos, como para a empresa, que pode adaptar a formación de posibles futuros traballadores ás necesidades específicas da súa actividade diaria.
Este plan de prácticas ponse en marcha ao amparo dos convenios de colaboracion subscritos entre a CEL e a Consellería de Traballo e Benestar para a oferta de formación a persoas en situación de desemprego en procura dunha ocupación laboral.
Condicións
Respecto das condicións concretas de desenvolvemento destas prácticas profesionais ha de destacarse que:
- A colaboración da empresa non conlevará ningunha relación laboral nin contractual entre o alumno e a empresa.
- A empresa non terá a obrigación de retribuir economicamente ao alumnado en prácticas polas actividades que poidan derivarse da realización das mesmas.
- Formalizarase un convenio de colaboración entre a empresa, a CEL e o alumno.
- Os alumnos en prácticas estarán cubertos para todos os efectos legais polo seguro de accidentes e responsabilidade civil que formalizará a CEL e que cubrirá todos os riscos que se poidan derivar durante o período de realización das prácticas na empresa.
- Designarase un titor formativo que será o interlocutor co titor designado pola empresa, co fin de supervisar o seguimento das actividades prácticas que se desenvolvan.
Para máis información sobre este programa e tramitación de solicitudes, é necesario contactar coa Escola de Empresarios e Centro de Formación da CEL no número de teléfono 982 28 40 15 ou a dirección de e-mail formacioncel@cel.es.