Voltar atrás

Escrito o:

Colombia, un país de interese para as empresas de Lugo

A Escola de Empresarios da CEL acolleu onte a xornada informativa "Oportunidades de Negocio en Colombia", a través da que unha quincena de empresas lucenses puideron achegarse ás posibililidades do mercado deste país e coñecer consellos prácticos para acceder a el.

Para iso, contaron coas achegas da directora da Plataforma PEXGA en Colombia, Lina Natalia Calderón, que destacou na súa intervención as enormes posibilidades deste país, no que España conta cunha situación privilexiada como socio comercial tradicional, e que se constitúe ademais en "porta de acceso a outros mercados latinoamericanos como México, Perú ou Panamá". Subliñou que na actualidade Colombia ofrece oportunidades de investimento en "sectores como vivenda, minería, agricultura e pesca, metal (automóbil e naval), téxtil ou infraestruturas", de especial interese sen dúbida para Galicia, que xa conta con empresas punteiras en todos eles.

Lina Calderón sinalou tamén que Colombia abrirá en breve procesos de licitación pública que se constituirán excelentes oportunidades de negocio, e fixo fincapé na actual estabilidade política e maior seguridade deste país, así como na próxima entrada en vigor dun Tratado de Libre Comercio de Colombia coa Unión Europea que simplificará en gran medida o acceso aos seus mercados, pois suporá a eliminación de aranceis e a igualdade nas homologacións e certificacións que as empresas necesitan para operar alí.

Caso de éxito

Na xornada, de carácter práctico e na que se potenciou o diálogo cos asistentes, tamén participou Constantino Saqués, xerente da empresa lucense Frisaqués, que contou a súa existosa experiencia de internacionalización no país colombiano.

Outros relatores da xornada foron Catalina Hernández, analista de mercado da Plataforma Pexga en Colombia, ou Mª Carmen Calvo, técnico do IgapeX , que informou as liñas públicas de apoio á internacionalización das empresas galegas vixentes na actualidade. Participou así mesmo Jesús Quintá, conselleiro delegado da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL).

Para máis información sobre internacionalización contacte co noso Departamento de Comercio Exterior.