Escrito o:
Intercambio de experiencias emprendedoras con Tunes
Os viveiros da Fundación CEL - Iniciativas por Lugo recibiron esta mañá a unha delegación de representantes de diferentes universidades de Tunes que se atopan en Galicia en virtude do Programa Tempus, proxecto que pretende contribuír á resolución dos problemas derivados das dificultades de emprego para mozos titulados tunisianos, e no que participan máis de vinte entidades (centros de investigación, universidades e asociacións), entre elas a Universidade de Santiago de Compostela.
Neste sentido coa súa viaxe, entre outros obxectivos, buscan achegarse aos diferentes programas de apoio ao autoemprego ou emprendimiento que existen na nosa comunidade, como é o Programa de Viveiro de Empresas da Fundación CEL. Para iso, visitaron as instalacións do centro guiados polo seu coordinador, Rodolfo Ojea, e acompañados dunha das súas anfitrioas, Elena López Colmenero, responsable de Programas Europeos da aula de Produtos Lácteos da USC.
A través desta visita, os profesores tunisianos puideron achegarse ao traballo que se desenvolve por parte das empresas que están hoxe no viveiro da Fundación, así como coñecer o tipo de apoio que se presta neste tipo de instalacións ou o networking que se xera entre os diferentes emprendedores que se integran nun centro desta tipoloxía. Neste senso, apreciaron especialmente as diferentes liñas de traballo dunha entidade de iniciativa privada como é a Fundación, o seu labor de difusión da cultura emprendedora e de apoio á creación e consolidación das iniciativas empresariais, conscientes do importante valor engadido que pode chegar a xerar ese sostén para o emprendedor, que se ve aliviado no traballo que supoñen as xestións burocráticas asociadas á posta en marcha, podendo centrarse no desenvolvemento do núcleo específico do seu negocio.
O coordinador da Fundación CEL, Rodolfo Ojea, explicou tamén que acollen proxectos promovidos por emprendedores con perfís de todo tipo (de diferentes idades, estudos, sectores), aínda que o perfil de emprendedor que se atendeu durante os últimos anos na Fundación é o dun home, de entre 30 e 45 anos, con estudos universitarios ou de formación profesional. Destacou, no entanto, que durante os seus máis de quince anos de funcionamento a Fundación acolleu preferentemente proxectos empresariais que destacasen ben polo seu carácter innovador, ben pola súa capacidade de xeración de emprego ou ben por pertencer a sectores estratéxicos para a provincia como pode ser o agrogandeiro ou o forestal.
Emprendedores lucenses
Ademais de visitar as instalacións, o grupo visitante mantivo un animado encontro con Hugo Igrexas, un dos promotores de Miramar Cruises, empresa que está a dar os seus primeiros pasos na Fundación CEL dedicada á venda de cruceiros e paquetes turísticos (voos, traslados e estancias) a nivel mundial a través dunha plataforma online, www.miramarcruises.com.
Miramar Cruises facturou máis de 300.000 euros só no seu sete primeiros meses de vida (ao peche de 2012), está consolidada xa no mercado nacional (especialmente no catalán, para o que contan mesmo con web específica situada en primeiro lugar en buscadores www.miramarcreuers.cat), con boa penetración en América Latina e que prepara xa o seu lanzamento ao mercado francófono.