Voltar atrás

Escrito o:

Como capitalizar o paro?

O acceso a financiamento é unha das principais trabas coas que se atopa un emprendedor á hora de facer realidade a súa idea de negocio. Unha das posibilidades de obter ese necesario capital é a de, partindo dunha situación de desemprego con dereito a prestación contributiva, optar polo "pago único" ou capitalización da devandita prestación.

Trátase dunha medida que permite cobrar nun único pago o importe da prestación por desemprego a aquelas persoas que pretendan incorporarse como socios traballadores en cooperativas, sociedades laborais ou sociedades mercantís, así como a aquelas persoas que busquen desenvolver unha actividade como autónomos.

Existen diferentes modalidades de acceso a esta posibilidade, dende o pago único ao principio de actividade, a solicitar a prestación en pagos mensuais para subvencionar a cotización de autónomo á Seguridade Social, ou mesmo nas dúas modalidades anteriores en conxunto, unha parte como pago único e outra como cotización á Seguridade Social como autónomo.

A solicitude do "pago único" efectuarase a través da Oficina do Servizo Público de Emprego correspondente, presencialmente ou por Internet.

Ao final deste post facilítase a descarga dun documento elaborado polos técnicos de CEL e Fundación CEL que describe con maior detalle as modalidades, obrigacións, requisitos e demais características do sistema de "pago único". Para máis información e asesoramento, solicita cita aos nosos servizos de atención ao emprendedor.