Voltar atrás

Escrito o:

Convocado proceso de acreditación de competencias en Galicia

Mañá ábrese en Galicia o proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, segundo convocatoria da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para 2013 que recolle o DOG.

Este proceso terá efectos de acreditación parcial acumulable e de convalidación da formación referida a cada unidade de competencia nos títulos de formación profesional e de exención nos certificados de profesionalidade. Concretamente, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recoñecerá as unidades de competencia acreditadas que permitirán a validación dos módulos profesionais correspondentes, mentres que a Consellería de Traballo e Benestar recoñecerá as unidades de competencia acreditadas que permitirán a exención nos módulos formativos asociados a unidades de competencia dos certificados de profesionalidade.

As prazas para acceder a este proceso son limitadas. As solicitudes poderán presentarse dende o día 21 de maio até o día 12 de xuño, no portal da Xunta que estará operativo con este obxectivo a partir da data de apertura de prazo.

Requisitos

Entroutros requisitos, para acceder a este proceso, no caso de querer acreditar experiencia laboral, hai que xustificar, para unidades de competencia dos niveis II e III, polo menos tres anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total nos últimos dez anos. Para unidades de competencia de nivel I, xustificaránse polo menos dous anos cun mínimo de 1.200 horas traballadas en total.

Para o caso de formación, haberán de xustificarse polo menos 200 horas para unidades de competencia de nivel I e 300 horas para unidades dos niveis II e III nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria.

Unidades de competencia

Esta convocatoria realízase para acreditar unidades de competencia pertencentes ás familias profesionais de Administración e Xestión, Agraria, Electricidade e Electrónica, Enerxía e Auga, Edificación e Obra Civil, Fabricación Mecánica, Hostalaría e Turismo, Industria Alimentarias, Instalación e Mantemento, Madeira e Moble, Química, Sanidade, Servizos Socioculturais e á Comunidade e Transporte e Mantemento de Vehículos.

Pódese consultar a listaxe completa, así como os requisitos a cumprir, documentación requirida para a acreditación, fases do proceso, etcétera na páxina web habilitada pola Xunta de Galicia a este efecto.