Escrito o:
Medio centenar de empresas interésanse pola IA nun obradoiro da CEL en Monforte
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) desplazou hoxe a Monforte de Lemos os seus servizos CONECTA LUGO cun obradoiro de traballo sobre “Novas tecnoloxías de Intelixencia Artificial para o sector vitivinícola”.
Máis de medio centenar de empresas da Ribeira Sacra, especialmente adegas, congregáronse no Parador de Monforte para escoitar a destacados expertos de referencia nos últimos avances en tecnoloxías aplicada ao cultivo da vide e á producción de viño. A xornada de traballo, de carácter práctico, foi inaugurada por Gloria Prada, tenente alcalde de Monforte, e tamén contemplou unha intervención informativa sobre axudas públicas ás empresas galegas, da man de Patricia López Quintiá, subdirectora de innovación do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
Tecnoloxía ao servizo do rural
O obradoiro abriu coa conferencia maxistral “Detección temperá de enfermidades do viñedo mediante intelixencia artificial e visión por computador”, impartida por Rubén Iñiguez Mangado, graduado en Enoloxía pola Universidade de La Rioja, Máster en Tecnoloxía, Xestión e Innovación Vitivinícola, que actualmente desenvolve a súa tese doutoral no programa de Enoloxía, Viticultura e Sustentabilidade, dentro da rama de Viticultura de Precisión.
A investigación de Rubén Iñiguez, que sustituiu ó catedrático Javier Tardáguila co que colabora, céntrase na aplicación da intelixencia artificial para a estimación da produción de uva mediante o uso de sensores non invasivos, co obxectivo de achegar solucións innovadoras que melloren a eficiencia e sustentabilidade do viñedo. Iñiguez tamén se referiu a outros proxectos relacionados coa dixitalización e a aplicación de novas tecnoloxías no sector vitivinícola, nos que traballa a través do Grupo de Investigación Televitis da Universidad de La Rioja.
Asemade, o obradoiro incluiu tamén unha intervención sobre “Oportunidades de aplicación da dixitalización e automatización na viticultura e adegas de Galicia”, de Miguel Tubio, director técnico do Grupo Martín Códax; e outra sobre “Intelixencia Artificial ao servizo das D.O.” de Pablo Franco, director da DO Calificada Rioja.
Aos tres relatores principais sumouse Alfonso Losada, experto en viticultura e enoloxía, nunha mesa redonda final moderada por Hugo Criado, CEO de Medrar Innovation Office, sobre “Oportunidades da IA para o sector vitivinícola”.
O resumo xeral é que existen tecnoloxías cada vez máis avanzadas que ofrecen aplicacións óptimas para mellorar o futuro do rural.
Conecta Lugo
O obradoiro convocado hoxe en Monforte de Lemos é o segundo que a CEL organiza esta semana na zona sur, tras o celebrado onte en Quiroga, para fomentar a innovación nas empresas ubicadas no rural a través da iniciativa CONECTA LUGO, que financia a Xunta de Galicia e que a organización empresarial lucense mantén co apoio do Igape para facilitar información e asesoramento de cara a incentivar o aproveitamento dos apoios públicos por parte das empresas lucenses.