Escrito o:
A CEL formará a máis de 1.260 persoas traballadoras da provincia co apoio do Ministerio de Educación
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) formará a máis de 1.260 persoas traballadoras da provincia no marco dunha programación formativa financiada polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes con fondos do Plan de Transformación, Recuperación e Resiliencia.
A programación, que ten por obxectivo apoiar a cualificación e recualificación dos traballadores en competencias chave de cara, á súa vez, á mellora da posición competitiva das empresas lucenses, foi presentada hoxe polo secretario xeral da CEL, Jaime López, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, nun acto na sede central da organización empresarial lucense.
Isabel Rodríguez destacou na súa intervención que “o Goberno financia con máis de 700.000 euros este programa, que permitirá á CEL formar a máis de 1.260 alumnos de centros de traballo situados na provincia”, subliñando que “a concesión destas axudas responde á necesidade de adaptar os coñecementos e habilidades da poboación activa vencellada prioritariamente a cualificaciones profesionais en sectores estratéxicos, así como na mellora das capacidades para a transición ecolóxica”.
A subdelegada do Goberno manifestou tamén que se trata dunha “contribución á economía lucense que ven a fortalecer as competencias dixitais dos traballadores, favorecer a organización loxística con parámetros de sustentabilidade e promover un aforro enerxético nos procesos de produción”.
Pola súa banda, o secretario xeral da CEL, Jaime López, lembrou que “a posibilidade de ofrecer formación que permita ás empresas da provincia de Lugo adaptarse aos novos retos que se presentan ao tecido produtivo en materia de dixitalización e sustentabilidade atópase entre as prioridades da Confederación de Empresarios” e coincidiu en resaltar coa subdelegada do Goberno que resulta crucial que os traballadores da provincia saiban “integrar ferramentas tecnolóxicas e procedimentais que axuden a asentar os piares das empresas lucenses, pois a transformación dixital e enerxética é fundamental na actualidade”.
Tres áreas formativas
A nova programación formativa que a CEL impartirá co apoio do Goberno de España conta con máis de 1.260 prazas e está dirixida ao persoal de empresas con centros de traballo situados en Lugo e provincia.
Os cursos, de 60 horas de duración, impartiranse íntegramente na modalidade de teleformación a través da plataforma líder e de referencia en formación para o emprego subvencionada, formate.es. Iniciaranse en grupos de formación de ao redor de vinte persoas de forma prácticamente semanal, a medida que se vaian cubrindo as prazas de cada grupo.
Trátase de accións formativas non formais vencelladas cualificaciones profesionais incluídas no Catálogo Nacional de Cualificaciones Profesionais, en modalidade de teleformación, con posibilidade de recoñecemento de competencias adquiridas por experiencia laboral. Estas axudas, enmarcadas no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, buscan mellorar a empregabilidade mediante formación en liña co Catálogo Nacional de Cualificaciones Profesionais.
En total, prevense tres áreas formativas: “Competencias dixitais eficaces na contorna laboral”, unidade de competencia vencellada a UC2490_2: Aplicar tecnoloxías habilitadoras dixitais para a xestión de dispositivos e datos na contorna profesional; “Organización loxística eficaz e sustentable”, unidade de competencia vencellada a UC1005_3: Colaborar na optimización da cadea loxística cos criterios establecidos pola organización; e “Aforro enerxético e sustentabilidade en procesos de producción”, unidade de competencia vencellada a UC1971_3: Xestionar a documentación normativa relativa ao Sistema de Xestión Ambiental da organización (SGA).
Os interesados en cursar estas accións poden obter máis información e inscribirse a través desta ligazón. A inscrición manterase aberta durante os dous próximos meses, con inicio de grupos formativos de forma periódica, ou até esgotar as prazas previstas.