Escrito o:
Tristeza na CEL polo falecemento do noso primeiro presidente, Álvaro Rodríguez Eiras
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), ante a noticia do falecemento de D. Álvaro Rodríguez Eiras, desexa comunicar a través do presente o seu pesar e tristeza pola perda dun empresario “único e irrepetible para a provincia de Lugo”.
A CEL lembra que Álvaro Rodríguez Eiras foi un dos fundadores da Confederación de Empresarios de Lugo e da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), así como tamén o seu primeiro presidente. Concretamente, Rodríguez Eiras exerceu a presidencia da CEL desde o 29 de decembro de 1977 ao 16 de xullo de 1984 e da CEG desde xuño de 1979 a setembro de 1982. É, por tanto, “un dos grandes referentes do asociacionismo empresarial na provincia de Lugo e da defensa da liberdade de empresa e da libre economía de mercado durante a época da transición democrática en España”.
A CEL define a Álvaro Rodríguez Eiras como “un traballador incansable e comprometido coa súa contorna como demostra a súa implicación en múltiples iniciativas empresariais e sociais” e destaca o seu papel como impulsor do rural, considerándoo un “visionario sobre o peso e a importancia do noso rural e a necesidade de impulsalo e modernizalo como base para o desenvolvemento deste territorio”.
Neste sentido, lembra o seu labor á fronte da súa empresa de referencia, o Grupo Aresa, desde a que impulsou a creación duns galardóns, os Premios Aresa, “claves para recoñecer o labor de promoción das rural empresas, persoas e institucións diversas”. Subliña tamén que foi o primeiro en apostar co seu traballo empresarial por conceptos como “innovación e sustentabilidade no rural”.
A CEL sinala tamén a súa vitalidade e compromiso e lembra que “aínda até fai moi pouco seguía activo e sumándose con entusiasmo a calquera proposta para facer medrar o noso, como a que lle fixemos desde aquí de formar parte do Comité de Expertos da Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA)”, constituída en 2021.
A CEL transmite tamén todo o seu “agarimo e afecto para a familia e amigos de Álvaro” e a súa tristeza por “a perda doutro dos homes indispensables para entender o proceso de cambio, dinamización e modernización empresarial das últimas décadas no noso país”.