Escrito o:
XORNADA INFORMATIVA | O novo sistema de cotización para traballadores autónomos | Lugo, 28 de decembro de 2022
O Real Decreto Lei 13/2022 crea, a partir do 1 de xaneiro de 2023, un novo sistema de cotización para os traballadores autónomos. Esta norma dá resposta ás recomendacións 4 e 5 do Pacto de Toledo que instan o Goberno a que, no marco do diálogo social, acorde para os autónomos un sistema de cotización baseado en ingresos reais avanzando cara á converxencia de réximes, igualando o nivel de protección e contribucións de todos os traballadores.
O novo modelo de cotización, que se implantará de maneira gradual nos próximos 9 anos, baséase na cotización polos rendementos netos reais obtidos polo autónomo. O traballador autónomo, en función da súa previsión de rendementos, deberá seleccionar, de entre 15 tramos, a base de cotización provisional sobre a que se calcularán as cotas a ingresar mes a mes. A existencia de diferentes tramos permitirá ao autónomo adaptar a súa cotización provisional á evolución dos rendementos obtidos polas súas actividades. Posteriormente, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social regularizará anualmente a cotización previa información por parte da Administración Tributaria dos rendementos netos computables.
Trátase, en definitiva, dun novo sistema de cotización, que pode xerar dúbidas entre o colectivo de traballadores autónomos. A fin de aclarar as dúbidas que se produzan, desde a Dirección Provincial da TGSS de Lugo organízase un acto informativo de acceso público, que terá lugar ás 19 horas do próximo día 28 de decembro, mércores, no Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (San Marcos, s/n), e que contará as intervencións de Juan Rodríguez Gude, director provincial da TGSS e Laura Copo Novo, subdirectora provincial de Xestión Recadatoria. Máis información no cartel adxunto ao final desta entrada.
NOTA ADICIONAL | Para aqueles que non poidan asistir a esta xornada informativa presencialmente habilitouse unha ligazón na que se poderán seguir as intervencións vía streaming: VER EN STREAMING