Escrito o:
O mercado laboral de baixa cualificación no Polígono Industrial de O Ceao
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) presentou o estudio "O mercado laboral de baixa cualificación no Polígono Industrial de O Ceao", elaborado conxuntamente coa Fundación Secretariado Xeral Xitano (FSGG) e coa colaboración da Asociación de Empresarios de O Ceao, os asociados da cal constituíron a mostra obxecto de investigación.
O estudio xorde co dobre obxectivo de coñecer as necesidades de man de obra da provincia, así como investigar as necesidades formativas e de cualificación e certificación desta man de obra, co fin de adaptar o deseño dos plans de formación continua e ocupacional a estas necesidades.
Así mesmo, o polígono industrial de O Ceao foi o elixido polos promotores do informe para realizar o traballo de campo porque "é neste lugar onde se produce a maior concentración empresarial de provincia".
O traballo realizado por CEL e FSGG en O Ceao vén a certificar os resultados de investigacións anteriores sobre o mercado laboral lucense, botando como principal conclusión que a reducida dimensión das empresas da provincia (segundo o estudio presentado, un 95% pódense definir como microempresas que contan con menos de 10 traballadores en equipo) dificulta o dinamismo do mercado de traballo e a contratación empresarial.
Igualmente, segundo este estudio só o 31,15% das empresas de O Ceao afirman realizar contratacións habitualmente, o que indica unha elevada estanquidade empresarial que frea a posibilidade de crear emprego de forma habitual.
Tamén a alta temporalidade dos novos contratos destaca en O Ceao, se ben este dato non difire da tónica xeral, posto que o 86,84% dos contratos efectuados no municipio de Lugo no mes de marzo de 2006 foron temporais.
Con respecto ao mercado de traballo de baixa cualificación, principal obxecto de estudio do traballo, constatouse a existencia dun elevado nivel de emprego deste tipo en O Ceao, posto que un 45% das empresas declararon que menos do 10% dos seus traballadores se corresponden con persoas de baixa cualificación, mentres un 21% afirma que máis do 50% do seu equipo son traballadores de baixa cualificación e máis do 40% das empresas teñen máis do 20% deste tipo de empregados.
Así mesmo, e segundo os datos declarados polos enquisados, máis da metade dos traballadores de baixa cualificación do 42% das empresas contan con contratos indefinidos.
Por outra banda, constátase novamente que a maior formación dos traballadores favorece positivamente tanto a entrada como a permanencia no mercado laboral e que aqueles que non posúen ningún tipo de estudios mostran grandes dificultades para acceder a un posto de traballo. Segundo o informe presentado, para o 92% das empresas resulta imprescindible posuír algún tipo de estudios, e soamente o 8% delas estarían dispostas a contratar persoas sen cualificación, se ben a experiencia laboral e as referencias de coñecidos seguen tendo un papel determinante na contratación de persoal.
O estudio destaca tamén que o 70% das empresas consultadas mostra unha alta receptividade a contratar persoas pertencentes a colectivos desfavorecidos, mostrando preferencia polo colectivo de maiores de 45 anos seguido, por esta orde, dos de minusválidos, mulleres vítimas da violencia doméstica, inmigrantes e minorías étnicas constatándose, polo tanto, que o colectivo con maior dificultade de inserción laboral é o das minorías étnicas.
O estudio sinala tamén o alto valor que as empresas confiren a calidades como o rendemento, a produtividade do traballo e o cumprimento das normas establecidas, pero tamén a destreza, a motivación ou a habilidade.
En canto á formación, o 70% das empresas manifesta interese, se ben destaca que os cursos deberían ser máis breves, adaptados por sectores e incluír prácticas en empresas.
Finalmente, o estudio tamén inclúe unha lista dos empregos de baixa cualificación máis demandados, sendo o posto de mozo de almacén o que encabeza o listado, seguido dos de repartidor, peón, dependente e chofer os seguintes. Tamén figuran postos como operario de máquina, comercial, distribuidor ou repoñedor, entre outros, pero con menor demanda.