Voltar atrás

Escrito o:

Un encontro en Ribadeo reúne a medio centenar de empresarios para mellorar os seus procesos de internacionalización

Medio centenar de empresarios deuse cita hoxe no Club Náutico de Ribadeo nun encontro de traballo organizado pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) co apoio da Xunta de Galicia a través da iniciativa Conecta Lugo.

O foro tiña como obxectivo fomentar a internacionalización das empresas da provincia de Lugo, especialmente as da zona norte, orientándoas a través do coñecemento de experiencias de éxito de empresas próximas así como sobre axudas e apoios da Administración Pública á internacionalización e outras vías para o financiamento de accións en mercados exteriores. 

O secretario xeral da CEL, Jaime López, e o alcalde do Concello de Ribadeo, Daniel Vega, foron os encargados de inauguran un encontro marcado polo interese das empresas lucenses de mellorar o seu posicionamento en novos mercados. 

Jaime López subliñou na súa intervención o agradecemento da Confederación á Xunta por apoiar este tipo acciones divulgativas, e a súa aposta por trasladalas a diferentes puntos da provincia como, neste caso, A Mariña, zona provincial da que destaca o seu “dinamismo empresarial”. 

Pola súa banda, Daniel Vega manifestou o total apoio do Concello de Ribadeo ao empresariado, “porque sen empresarios non hai pobo” e a súa aposta para eso por medidas como baixada de impostos para as empresas que se instalen na localidade ou a posta en marcha dunha oficina de asesoramento ao emprendedor.  Destacou tamén a súa confianza na colaboración público - privada, con entidades como a CEL, para que este tipo de medidas sexan realmente efectivas.

Mesas redondas

Para facilitar o intercambio de ideas e un maior dinamismo das intervencións programadas, o foro estruturouse en dúas mesas redondas. 

A primeira delas, baixo o título “Como iniciar ou relanzar un proceso de internacionalización”, escoitáronse, baixo a moderación de Hugo Criado, CEO de Medrar Innovation Office, as experiencias de DEXTools, da man da súa confundador e CMO Frederic Fernández; Grupo Forma-t, que representou o seu CEO, Iván Fernández; Industrial Recense, co seu director xeral Luis López Fulgueira e Grupo Villapol, con Óscar Villapol, o seu director comercial.

Na segunda mesa analizouse “O financiamento do proceso de internacionalización” da man de Marcos Engroba, CMO de Amslab; Juan Orol, CEO de Pescados Orol; Javier Santorio, responsable da área de Internacional de Abanca e Augusto Alvarez-Borrás, director da área de Internacionalización do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Como conclusión do foro, constatouse a importancia de xerar networking entre empresarios para facilitar a chegada a novos mercados, facilitando o contacto entre empresas con presenza nun país e aquelas que queren iniciar a súa entrada, e a existencia de numerosas ferramentas tanto públicas como privadas para facilitar os procesos de internacionalización.

No entanto, sinaláronse tamén no encontro as dificultades diferenciais das empresas da provincia neste ámbito debido á situación da Cámara de Comercio de Lugo, destacando algúns dos testemuños dos presentes que iniciaron a súa saída ao exterior precisamente con instrumentos das Cámaras de Comercio aos que agora non se pode optar desde Lugo. Neste sentido, no foro pechouse un compromiso de apoio incondicional para que se resolva satisfactoriamente a situación do ente cameral lucense, a fin de que poida operar a pleno rendemento. 

Máis obradoiros

No marco da iniciativa Conecta Lugo, a CEL organiza tamén a semana próxima, xoves e venres, un obradoiro sobre financiamento de proxectos empresariais, tamén con representes de institucións públicas, casos de éxito e, sobre todo, traballo individualizado con cada empresa participantes. A inscrición continúa aberta nesta ligazón