Voltar atrás

Escrito o:

Empresarios da CEL participaron na FIHAV 2024 en La Habana, marcada polo furacán Rafael

Unha delegación de empresarios da provincia de Lugo, encabezados polo secretario xeral da CEL e presidente da Cámara de Comercio de Lugo, Jaime López, participou recentemente na Feira Internacional da Habana, FIHAV 2024, que este ano chegou xa á súa 40 edición.

Esta misión directa a Cuba organizouse no marco das accións de internacionalización que preparou a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) este exercicio co apoio da Deputación de Lugo. Conforman a delegación lucense empresas do sector agroalimentario, de saúde e enerxético, fundamentalmente, como Grupo Lence, Suministros Megaro Foods e Carnemax Foods, Conxelados Sariego, Tosocar, Embutidos Montepicato, Farmadismo ou Grupo Norbel, entroutras.

A Feira Internacional da Habana estaba prevista entre os días 4 e 9 de novembro, aínda que tivo que suspenderse a metade de semana pola chegada do furacán Rafael. No entanto, a delegación empresarial lucense tivo a oportunidade de visitar a feira os primeiros días e reconducir a axenda do resto da viaxe con encontros bilaterais con representantes de cadeas hostaleiras (Meliá ou Iberostar, entroutras), pequenas empresas da rede MIPYMES, autorizadas polo goberno cubano para operar de forma privada ou con representantes das organizacións cubanas import-export como Alimport (importación e exportación de alimentos) ou Comecializadora ITH (comercializadora de insumos, alimentos e investimentos para o turismo) .

Asemade, mantívose tamén un encontro co presidente da Cámara de Comercio de Cuba, Antonio Luís Carricarte.

FIHAV

A Feira Internacional da Habana é o certame empresarial máis importante que se celebra en Cuba. Ten carácter multisectorial e constitúe a mellor opción para darse a coñecer no mercado cubano, un socio comercial preferente de Galicia no Caribe, e un dos maiores en América Latina.

Na edición 2024 da Feira Internacional da Habana, situada no recinto feiral Expocuba, participan máis de 700 empresas de 60 países. Segundo se indicou na presentación oficial do evento, teñen presenza os principais socios comerciais de Cuba, como Venezuela, China, Vietnam, Rusia, México e España. Concretamente, certifícase a presenza de delegacións oficiais procedentes de Angola, Belarús, Brasil, Colombia, España, Honduras, Irán, México, Mozambique, Namibia, Portugal, Panamá, República Checha, República Democrática do Congo, República Dominicana, Rusia, Santa Lucía, Serra Leona e Venezuela, e tamén o Sistema Económico Latinoamericano e do Caribe, así como a presenza de 27 delegacións camerais e entidades promotoras do comercio entre as que se atopa a Confederación de Empresarios de Lugo.
 
No marco da Feira presentouse tamén a Actualización da Carteira de Oportunidades de Cuba, ferramenta interactiva que amplía o seu enfoque local e inclúe pequenos proxectos para ampliar a participación das pequenas empresas. Entre os sectores considerados estratéxicos en Cuba e que ofrecen oportunidades de negocio atópanse, precisamente, a agroindustria, o biofarmacéutico ou o enerxético, tamén estratéxicos para a provincia de Lugo.