Voltar atrás

Escrito o:

Semana Europea da Seguridade e Saúde no Traballo 2024

Un ano máis, e coincidindo coa semana 43 do calendario (este ano entre os próximos días 21 e 25 de outubro de 2024), a Axencia Europea da Seguridade e a Saúde no Traballo (EU - OSHA) organiza a Semana Europea da Seguridade e a Saúde no Traballo, unha cita anual promovida por este organismo co obxectivo de axuntar esforzos na concienciación ao redor da prevención de riscos laborais.

A campaña deste ano, xa vixente desde 2023 e que se prorrogará até o próximo exercicio 2024, leva por título "Traballos seguros e saudables na era dixital", e está destinada a sensibilizar, proporcionar recursos prácticos e reunir aos grupos de interese ao redor da necesidade de abordar os retos e oportunidades en materia de seguridade e saúde en contornas laborais nos que as tecnoloxías dixitais teñen cada vez un maior impacto, tanto negativo como positivo pois non hai que esquecer que a crecente dixitalización da economía e o uso das tecnoloxías dixitais no lugar de traballo ofrecen oportunidades para as empresas e o seu persoal, incluídas novas oportunidades para mellorar a seguridade e a saúde no traballo. 

Desde o inicio da campaña e a medida que esta vai avanzando no tempo, EU-OSHA vai incorporando no seu sitio web máis documentación e recursos relacionados coa prevención de riscos laborais en era da dixitalización, organizados segundo as áreas consideradas como prioritarias para a actuación neste ámbito.

Desde o Gabinete Ténico de Seguridade e Saúde da CEL consideramos a consulta deste material de especial interese para avanzar nunha correcta adopción de medidas preventivas fronte a riscos derivados da dixitalización. Concretamente, polo momento pode descargarse información sobre seguridade e saúde en:

     Traballos en plataformas dixitais

     Automatización de tarefas

     Traballo a distancia e híbrido

De cara a 2025 EU- OSHA ten previsto completar a campaña con información específica sobre xestión das persoas traballadoras mediante IA e sistemas dixitais intelixentes.

Como complemento informativo a esta campaña europea, resalta a campaña do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) sobre Desconexión Dixital, cun espazo específico que se atopa aloxado nesta ligazón.

Para máis información e consulta de dúbidas, lembramos que a CEL dispón do Gabinete Técnico de Seguridade e Saúde Laboral, financiado pola Xunta de Galicia, a través do que ofrece información e asesoramento gratuíto ás empresas da provincia de Lugo.