Escrito o:
A CEL pecha Ultreia Galicia cun centenar de persoas nun evento para dinamizar o ecosistema emprendedor da provincia de Lugo
A CEL acolleu hoxe o cuarto evento celebrado no marco do programa “Ultreia Galicia Rexión Emprendedora, retos e solucións para un territorio intelixente”. Esta iniciativa, que está financiada pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, conta a nivel galego coa implicación de 240 axentes do ecosistema emprendedor, máis de 160 startups, 40 empresas tractoras e a exposición de preto dunha vintena de casos de éxito.
A xornada conta con dous bloques diferenciados de contidos, que están tendo lugar simultáneamente no Edficio Abanca Lugo: o Campus Startups e as mesas de traballo Retos e Solucións para un territorio intelixente.
O Campus Startups estivo comprendido, á súa vez, por intervencións inspiradoras, mesas redondas de casos de éxito emprendedor e a exposición dunha decena de novos proxectos que pasarán a unha seguinte fase para optar a inversión no marco do programa Ultreia Galicia.
A coach e a formadora Cintia Salido, o secretario xeral da CEL, Jaime López, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, foron os encargados de dar o pistoletazo de saída a Ultreia Lugo. López Vázquez deu a benvida a autoridades e público destacando a sintonía do obxectivo do encontro co papel fundamental da propia CEL desde no impulso do desenvolvemento económico a través da creación de empresas.
O secretario da CEL subliñou que os empresarios de Lugo teñen “o firme convencemento de que nas novas empresas está o futuro das xeracións vindeiras, o remedio para evitar a perda de poboación e a fuga de talento e a vía para garantir que os nosos fillos poidan quedar aquí e desenvolver no seu lugar de nacemento unha carreira profesional e unha vida persoal satisfactorias”. Resaltou ademáis a importancia da colaboración público - privada como “vía óptima para promover non só a creación, senón tamén e ante todo a consolidación de empresas”.
Pola súa banda o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, interveu asemade no evento no ecuador da mañá, facendo fincapé en que Ultreia Galicia é un proxecto aberto a todos os emprendementos innovadores e con visión de futuro que procuren proxección, mentorización e financiamento. Resaltou a importancia en Galicia de impulsar non soamente “o emprendemento de base tecnolóxica, senón tamén proxectos que saen de sectores tradicionais como agroalimentario, xerando valor dende o rural”.
Campus Startups
A xornada Ultreia Lugo divídese en dous bloques de contido que se desenvolven simultáneamente. Un deles é o Campus Startups, a través do que se pretende identificar e mapear as empresas de recente creación e outras iniciativas emprendedoras innovadoras da provincia de Lugo co fin de darlles soporte para a busca de financiamento.
Tras unha ponencia maxistral inicial de Javier Cebreiros, doctor en comunicación e conferenciante recoñecido a nivel nacional, tiveron lugar as presentacións dos proxectos de emprendemento que optaban a participar, xunto cos seleccionados nas outras provincias, no Foro de Investimento Ultreia Galicia, que organizará a CEG en Santiago de Compostela.
En total, presentáronse dez iniciativas emprendedoras a Ultreia Lugo, das cales tres foron seleccionadas para participar no evento final de Ultreia Galicia que terá lugar antes de que finalice o ano. Concretamente, os proxectos de Lugo finalistas son O fogar dos soños (granxa caprina que avanza na transformación da leite dos seus animais para a elaboración de xabóns e outros produtos sostibles), Train2GO.com (startup que ofrece un xestor de entrenamento online que permite aforrar tempo e mellorar os servizos dos entrenadores) e Asuque (proxecto para a elaboración de vinagre e bebidas a partir dos soros excedentes dunha queixería, aproveitando o que en principio é un residuo para xerar novos produtos alimenticios).
Casos de éxito
No marco do Campus Starutps tamén houbo tempo para coñecer casos de éxito a través de mesas redondas nos eidos de aeronáutica e forestal, na sesión de mañá, así como no agroalimentario e no turismo, que continuarán na sesión de tarde.
Os casos de éxito de aeronáutica contaron coa moderación do presidente da Fundación CEL, Luis García Santalla, e coa participación dos proxectos de BFAero, concretamente o de Arzeos Aircraft (coa representación de José Maceira Iglesias), de Vig-Sec Drone (neste caso, con Rubén Gil Fontán), Generadron (da man de Aquilino Abeal) e H2 Dron Energy (con Antonio González Barbudo).
En canto ao sector forestal, contouse coas exposicións de Kidacu Kids (representados por Dánae Castrillón Uzal), NIGAL (da man de Lara Neira) e Tenzas (con Pilar Orol), e a moderación de Mari Carmen Gayoso, presidenta de LugoMadera.
No referente ao sector agroalimentario, a moderación corre a cargo de Alfonso Ribas, director de Innovación da Fundación Juana de Vega. A mesa contén os casos de Innogando (con Elio López García), Perusiñas (da man de Aitor Castro Maira) e Eco Trascastro (coa representación de Adrián Armesto Pérez).
O último dos sectores representados, o turístico, conta coa moderación de Roberto Fraga de Pilgim Travel, e a participación de Casa de Outeiro (con Juan Luis Vázquez), Luzada Skylight Bubbles (con Manuel Otero Cociña) e Guido Guía (con Guido Álvarez Parga).
Investimento e apoios ós emprendedores en Lugo
No transcurso da xornada e no marco do Campus tamén se contemplan en horario de tarde dúas mesas redondas nas que se falará de innovación e da posibilidade de diversificar investindo en startups, da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego e do Plan Remuda, habilitado para evitar que pechen negocios rendibles e vertebradores do territorio, así como da Estratexia Retorna para impulsar -entroutros- o emprendemento protagonizado polos galegos do exterior que volven para establecerse na Comunidade.
Unha das mesas redondas céntrase en investimento. Moderada por Jaime López como presidente da Cámara de Comercio de Lugo, conta coas aportacións do business angel e emprendedor Roberto Fraga, con Jorge Leiro de Torsa Capital e Zaira Dapena de Abanca.
A mesa sobre os apoios para os emprendedores de Lugo, moderada por Hugo Criado de Medrar Innovation Office, conta co presidente da Fundación CEL, Luis García Santalla, ou Leticia Seara de Legalmit.
Sesións de traballo
De xeito simultáneo ao Campus Startup estanse desenvolvendo sesións de traballo baixo o nome de Retos e solucións para un territorio intelixente. En formato de mesas de traballo sectoriais (cos mesmos sectores chave que as mesas de casos de éxito, aeronáutico, agroalimentario, forestal e turístico), consisten en dinámicas de grupo de carácter pechado nas que teñen presencia dende empresas participantes nas exposicións de casos de éxito, inversores e outros axentes promotores do emprendemento de institucións públicas e privadas.
O obxectivo destas sesións é o de identificar os retos que agardan a os sectores estratéxicos da provincia seleccoinados, tratando de determinar as empresas tractoras de cada un deles e mapear os axentes do ecosistema empresarial da provincia implicados no se desenvolvemento, necesidades a cubrir ou fortalezas do sistema na provincia.
O programa Ultreia Galicia está ideado para contribuir a reforzar a actividade da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego e o mapa de emprendemento da Xunta -medidas que levaron a Galicia a obter por parte da Unión Europea o recoñecemento de Rexión Emprenderora Europea- así como a dinamizar as startups galegas co obxectivo primordial de dinamizar e de vertebrar o conxunto do territorio, ao tempo que se fixa poboación especialmente nas contornas rurais.