Escrito o:
Lugo pechará o ciclo de eventos por cidades de ULTREIA GALICIA, co obxectivo de dinamizar o emprendemento e promover a innovación na provincia
A Confederación de Empresarios de Lugo, en colaboración coas homólogas entidades da Coruña, Pontevedra e Ourense, e coa promoción da Xunta de Galicia, presenta o programa “Ultreia Galicia Rexión Emprendedora, retos e solucións para un territorio intelixente”, financiado pola Unión Europea, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Dito programa, ten como obxectivo principal impulsar o emprendemento galego e fomentar a innovación, a través dunha serie de eventos que se celebrarán en catro cidades galegas, culminando nun evento final a nivel da comunidade. O evento Ultreia Lugo terá lugar o vindeiro xoves 26 de setembro, como antesala do acto final a nivel autonómico.
Os detalles deste proxecto abordáronse esta semana nun encontro entre o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e os presidentes das confederacións de Lugo, Jaime Luis López; A Coruña, Antonio Fontenla; Ourense, Marisol Novoa, e Pontevedra, Jorge Cebreiros. Na xuntanza tamén estiveron o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites.
Realizarase un evento por provincia. O primeiro terá lugar o 18 de setembro na de Ourense, o da Coruña celebrarase o 24 de setembro, seguido do de Pontevedra, que será o 25 de setembro, e o de Lugo, programado para o 26 de setembro.
Esta iniciativa, que conta coa implicación de 240 axentes do ecosistema emprendedor, máis de 160 startups, 40 empresas tractoras e a exposición de 16 casos de éxito, comeza na cidade de Ourense o mércores 18 de setembro, a través do desenvolvemento de dous eventos simultáneos: o Campus Startups e Retos e Solucións para un territorio intelixente.
Co Campus Startups procúrase busca identificar e mapear as empresas de recente creación e outras iniciativas emprendedoras innovadoras e dar soporte aos proxectos para a busca de financiamento, entre outros fins, a través de conferencias, networking, presentacións de casos de éxito, mesas redondas e unha competición de iniciativas emprendedoras.
No bloque de Retos e solucións para un territorio intelixente, o obxectivo é identificar os sectores estratéxicos da provincia e os seus retos, así como ás empresas tractoras destes sectores estratéxicos e mapear os axentes do ecosistema da provincia. Para iso, levaranse a cabo mesas de traballo nas que se abordarán as cuestións clave de diferentes sectores.
O programa Ultreia Galicia contribuirá a reforzar a actividade da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego e o mapa de emprendemento da Xunta -medidas que levaron a Galicia a obter por parte da Unión Europea o recoñecemento de Rexión Emprenderora Europea- así como a dinamizar as startups galegas. Forma parte da aposta do Goberno galego pola creación de novos negocios e o desenvolvemento de proxectos innovadores que fomenten o emprego de calidade e que favorezan a dinamización e vertebración do territorio.
Para consultar máis información sobre Ultreia Galicia, pode visitar a páxina web https://www.mapaemprendemento.gal/ultreia/