Voltar atrás

Escrito o:

Á CEL súmase á preocupación en Galicia pola posible fusión de Sabadell e BBVA

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) manifesta a súa preocupación sobre o proceso de oferta pública de adquisición (OPA) hostil lanzado polo BBVA sobre o Banco Sabadell e a súa marca en Galicia Sabadell Gallego, sumándose ao manifestado xa pola súa homóloga galega e outras organizacións empresariais en diferentes puntos do territorio nacional.
Poñendo por diante, como non podía ser doutro xeito, o seu total e absoluto respecto pola liberdade de empresa, considera que a fusión bancaria pode resultar negativa para o tecido empresarial lucense, conformado maioritariamente (en máis dun 99%) por pemes, micropemes e autónomos.

A CEL cre que unha posible diminución de entidades financeiras en Galicia suporá reducir as fontes de financiamento para o sector empresarial da Comunidade, menos acceso a crédito e menor posibilidade de diversificar a súa pool bancario.

Por todo esto, entende que, en respecto á competencia e a posibilidade dunha maior oferta crediticia para as empresas lucenses, sería preferible que Banco Sabadell e BBVA continúen prestando os seus servizos por separado.

Implantación en Galicia

A CEL subliña tamén o esforzo que o Banco Sabadell realizou para implantarse en Galicia, co desenvolvemento dunha actividade propia e especializada na Comunidade a través de Sabadell Gallego e unha rede de oficinas repartidas pola maioría dos Concellos galegos que prestan servizos de forma próxima aos cidadáns e pemes asentadas en cada territorio. 

Lembra tamén que nos últimos anos desapareceu máis dun 30% de oficinas bancarias en Galicia, nunha comunidade autónoma cunha ampla maioría de autónomos e microempresas, e cunha poboación envellecida, aos que unha fusión lles suporía unha nova redución de oficinas e de persoal. Insiste, por tanto, na conveniencia de que Banco Sabadell e BBVA manteñan a súa estructura e funcionamento actual.