Escrito o:
Medio centenar de persoas debaten sobre novos retos de seguridade e saúde laboral nun foro da CEL
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) reuniu hoxe en Lugo a medio centenar de persoas no Foro "Novos retos de seguridade e saúde laboral", posto en marcha no marco das axudas para a realización de actividades no ámbito da prevención de riscos laborais en Galicia nos exercicios 2023 e 2024, financiadas pola Xunta de Galicia.
O secretario xeral da CEL, Jaime López, inaugurou o encontro da man de Adela Quinzá - Torroja, directora do ISSGA, e Pilar Fernández López, directora territorial de Emprego, Comercio e Emigración.
Jaime López destacou na súa intervención que “o empresariado é moi consciente da súa responsabilidade en materia de seguridade e saúde laboral” e que, “a través de Foros como este buscamos seguir avanzando nesa sensibilización, no coñecemento de novos factores a considerar e no cumprimento normativo, real e efectivo, en materia de prevención de riscos laborais”.
Lembrou tamén que o foro se desenvolve en función dos obxectivos establecidos no Marco Estratéxico da Unión Europea sobre Saúde e Seguridade no Traballo 2021 - 2027 e as estratexias nacional e galega en materia de seguridade e saúde, que tratan de “anticiparse aos riscos derivados dun mundo laboral en permanente transformación e cambio, en especial derivado nestes momentos da transición dixital, da transición ecolóxica e da transición demográfica”.
A directora do ISSGA, pola súa banda, lembrou obxectivos e liñas de actuación da “Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo en Galicia: Horizonte 2027”, que guía as políticas públicas en Galicia en materia de prevención de riscos laborais de cara a reducir a sinistralidade laboral e supón un salto cualitativo para sentar as bases da cultura do benestar laboral e de asumir como principio a perspectiva de xénero ou enfrontar os riscos derivados dos novos escenarios laborais. Subliñou tamén a importancia da colaboración público - privada nas labores de información, sensibilización e asesoramento ás empresas ante novos retos en materia de seguridade e saúde.
Bloques temáticos
O Foro estruturouse en dous bloques de conferencias, o primeiro deles orientado a cuestións relacionadas coa transición demográfica e, máis concretamente, aos retos que expón para a xestión preventiva o envellecemento poboacional e a perspectiva de xénero e o segundo ao cambio climático.
No primeiro bloque, moderado pola directora do ISSGA, Adela Quinzá - Torroja, participaron Eugenia Fernández Fortes, técnica superior en prevención de riscos laborais do Grupo ISONOR, que na súa intervención subliñou a importancia dun “tratamento preventivo especial para as persoas de maior idade pola súa maior predisposición ao dano e a determinadas patoloxías”.
Sobre envellecemento e saúde laboral falou tamén o doutor Josep Masferrer, en representación da Clínica Dinán, que destacou que a “sensibilidade cara aos traballadores de idade avanzada” é fundamental para a empresa porque facilita “sacar proveito da súa experiencia”, insistindo en que as empresas “deben estar preparadas e axeitarse aos cambios que o envellecemento vai producir nas súas relacións laborais porque “aquelas empresas que non saiban envellecer co seu persoal están abocadas ao fracaso”.
Lentes de perspectiva de xénero
Tamén neste primeiro bloque, xa centrada na perspectiva de xénero na xestión preventiva da empresa, interveu a directora do Centro do ISSGA en Lugo, Myriam Garabito, que incidiu na importancia de “porse as lentes da perspectiva de xénero, porque sen esas lentes non podemos cambiar o chip da prevención de riscos laborais” de cara a mellorar o seu impacto positivo nas persoas, “adaptando o traballo ás características das persoas e non ao contrario”.
O segundo bloque, moderado pola responsable do departamento xurídico – laboral da CEL, Lourdes Pardo, abordou o tema da prevención de riscos laborais fronte aos retos do cambio climático da man de Javier Villaverde, director técnico nacional de prevención de riscos laborais en Ibersys Seguridade e Saúde e Diego Gómez, director técnico en SPS Solucións de Prevención e Saúde. Ambos coincidiron en subliñar que o impacto do cambio climático é indiscutible, especialmente en determinados sectores, pero que faltan aínda solucións e medidas reais para afrontar os retos que expón.
A xornada finalizou cunha interesante quenda de preguntas e un debate sobre a necesidade de avanzar nunha cultura preventiva real, superando a fase de mera burocracia de cumprimento da normativa e camiñando cara un maior traballo de campo por parte dos técnicos de prevención, un maior coñecemento do día a día das persoas e das empresas, avanzando na consecución de obxectivos en materia de seguridade e saúde laboral e a resolución dos problemas que poidan xurdir de forma verdadeiramente práctica.