Escrito o:
Empresarios de Lugo realizan unha visita de prospección comercial a Colombia
En base ao obxectivo de análise de novos mercados para as empresas lucenses, unha delegación de emrpesarios da provincia de Lugo estivo a pasada semana na República de Colombia nunha viaxe de prospección comercial organizado pola Confederación de Empresarios de Lugo co apoio da Deputación de Lugo.
Máis concretamente, esta viaxe tivo lugar entre os días 7 e 12 de marzo e contemplou visitas ao departamento de Antioquia e á súa capital, Medellín, e reunións con representantes gobernamentais como Daniela Trejo Roja, secretaria de Produtividade e Competitividade da Gobernación de Antioquia; Héctor Fabián Betancur, secretario de Agricultura e Desenvolvemento Rural de Antioquia e Luz Elena Gaviria, secretaria sectorial de Desenvolvemento Institucional e Gobernanza deste territorio.
Tamén tiveron a ocasión de visitar en Cartagena unha plantación dunha nova materia prima, o "sacha inchi", planta oleaginosa da selva amazónica que se comercializa en fariñas, aceite e snack e con interesantes aplicacións comerciais, xa que pode utilizarse tanto para a elaboración de produtos cosméticos, como para a industria alimentaria, entre outros.
A delegación empresarial lucense estivo conformada por Jaime López, secretario xeral da CEL; Eduardo Valín (de Transportes Valín e Embutidos Montepicato, entre outras empresas) e Antonio Sobrado (da consultora especializada en internacionalización San Xiao Export).
A delegación viaxou en representación dos intereses comerciais de empresas lucenses integradas na CEL, en especial do sector alimentario e enerxético.
No marco desta acción de prospección comercial detectáronse oportunidades para selar novas alianzas comerciais en subsectores como o cárnico ou o do café, así como o de transformación da madeira, entroutros.