Escrito o:
Os empresarios de Lugo interésanse os programas de apoio á innovación en Galicia
A sede central da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu onte unha xornada informativa sobre as axudas autonómicas á innovación para as pemes da provincia de Lugo. A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou nun encontro que tiña por obxectivo dar a coñecer as novidades nos requisitos e características das novas convocatorias abertas ou próximas a publicar, resolver dúbidas e propiciar un espazo de networking para o contacto entre entidades.
Jorge Somoza, tesoureiro da CEL, e Hugo Criado, CEO de Medrar, acompañaron a Patricia Argerey na presentación dunha xornada no transcurso da cal tamén se contou coa intervención de dúas pemes innovadoras que detallaron a súa experiencia. Trátase da quesería Airas Moniz, beneficiaria de Bonos de Innovación 2023, e Gráficas Nogueira, microempresa de artes gráficas e embalaxes, localizada en Sarria e beneficiaria dunha axuda do programa InnovaPeme en 2022. Ademais, aquelas pemes que o solicitaron, participaron tamén nun taller práctico de asesoramento en materia de innovación.
Convocatorias
No transcurso da xornada, e por parte de técnicos da Axencia Galega de Innovación, presentáronse as convocatorias de Bonos de Innovación, a liña 1 de Sinerxías para programas europeos, DeseñaPeme e InnovaPeme. Bonos de Innovación, dotada cun orzamento de 750.000 euros, ten aberto prazo de solicitude até o próximo 22 de febreiro. O seu obxectivo é impulsar os primeiros pasos para innovar en autónomos, microempresas, pemes e entidades do terceiro sector de acción social, e ademais permitir dar visibilidade á innovación que estas levan a cabo. Para eso, apoia a contratación de servizos externos de axentes innovadores para conseguir un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de I+D+i a curto prazo.
Pola súa banda, os Bonos para a preparación de candidaturas a programas europeos de I+D+i (dentro do programa Sinerxías e complementariedades cos programas europeos de I+D+i), destinarán 500.000 euros en concorrencia non competitiva a apoiar a preparación de propostas a convocatorias europeas de I+D+i, tanto de pemes como de organismos de investigación, co obxectivo de impulsar a participación de entidades galegas nestes programas. Esta liña de axudas, cuxas intensidades de axuda oscilan entre o 30 e o 60%, prevese publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) nas próximas semanas.
Por último, InnovaPeme e DeseñaPeme, dotada con 4,5 millóns de euros, publicarase o próximo 13 de febreiro no DOG. Trátase de axudas dirixidas as pemes para financiar as actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e en plans de innovación en procesos e organización, co obxectivo de sistematizar e fortalecer a innovación nestas empresas. A intensidade da axuda é do 50% e o importe pode oscilar entre 25.000 e 75.000 euros.