Voltar atrás

Escrito o:

A CEL impulsará a creación de comunidades enerxéticas na provincia de Lugo co apoio do IDAE

A sede central da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu hoxe a presentación dos servizos da Oficina de Transformación Comunitaria (OTC) Comunidades Enerxéticas Lugo, un proxecto posto en marcha con financiación do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, con fondos Next Generation da Unión Europea, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). 

A través desta Oficina, que prestará atención presencial na sede da CEL en horario de mañá, móbil nas diferentes localidades da provincia de Lugo a través dos Concellos e da Deputación de Lugo en datas concretas, e virtual a través da web www.comunidadesenerxeticaslugo.com, organizaranse diferentes accións de divulgación e asesoramento en materia de comunidades enerxéticas, promovendo a adopción de tecnoloxías renovables e a xestión responsable dos recursos en cada localidade e promocionando e dinamizando posibles comunidades enerxéticas na provincia por parte de cidadáns, pemes e entidades locais.

Jaime López, secretario xeral da CEL, foi o encargado de presentar a OTC Comunidades Enerxéticas Lugo, xunto coa subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, o Pablo Rivera Capón, Deputado da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo e o presidente da Asociación Provincial de Instaladores Electricistas e de Telecomunicacións, Eduardo Fernández Vila.

Primeiro paso

O secretario xeral da CEL destacou na súa intervención que en Galicia se concederon un total de cinco axudas para o impulso de comunidades enerxéticas e que “a Confederación de Empresarios de Lugo é a única organización empresarial adxudicataria dunha subvención deste tipo nesta Comunidade Autónoma”. Subraiou que a OTC CEL supón “un primeiro paso no camiño da necesaria transición noso sistema enerxético, con maior peso da enerxías renovables e a economía circular”.

Do mesmo xeito, recalcou que a Deputación de Lugo e os Concellos son un punto imprescindible “para o éxito desta primeira fase de achegar e dar a coñecer entre as empresas e outras entidades e a ciudadanía as posibilidades das comunidades enerxéticas así como para liderar a súa creación”.

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno fixo fincapé na importancia da “colaboración público – privada” para a posta en marcha de iniciativas como esta, que se pode constituir nunha “oportunidade única” para o rural, para camiñar na necesaria “autonomía enerxética a través do desenvolvemento comunitario”. 

Finalmente, Pablo Rivera resaltou que “a transición ecolóxica e enerxética son pilares” nas políticas do Goberno de España e que as comunidades enerxéticas son unha fórmula para “producir enerxía limpa” e unha “alternativa” fronte á subida dos prezos da luz. 

Comunidades enerxéticas

As comunidades enerxéticas son entidades que buscan fomentar o uso de enerxías renovables e o autoconsumo e aforro enerxético. Hai de dous tipos: comunidades de enerxías renovables, compostas por persoas físicas ou xurídicas que se asocian para desenvolver proxectos de enerxías renovables na súa proximidade, co obxectivo de obter beneficios económicos, ambientais ou sociais; e comunidades cidadás de enerxía, compostas por persoas físicas que se asocian para producir, consumir e xestionar a súa propia enerxía renovable, co fin de reducir a súa dependencia enerxética e promover a transición cara a un modelo enerxético máis sustentable.

A OTC CEL prestará información e asesoramento técnico a concellos, asociacións e cidadáns interesados nesta nova figura.