Escrito o:
O envellecemento e o despoboamento complican a cobertura de vacantes de emprego en Lugo
O envellecemento e o despoboamento da provincia de Lugo complican a problemática xeral cada vez máis perentoria no país de atopar traballadores para determinados postos de traballo.
Trátase dunha das principais conclusións da xornada “Mercado laboral: o reto do emprego” organizada hoxe pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) co apoio da Xunta de Galicia no marco das actuacións do Diálogo Social en Galicia, e unha reflexión compartida pola maioría dos relatores do encontro, presentado por Jorge Somoza, directivo da CEL, e Pilar Fernández, xefa territorial en Lugo de Promoción do Emprego e Igualdade.
A xornada reuniu a máis de corenta asistentes, metade vía presencial e o resto online, de diferentes perfís (representantes de empresas e de ONGs, estudantes universitarios e persoas en situación de desemprego).
Viabilidade comprometida
Jorge Somoza destacou na súa intervención que “a falta de persoal para determinados postos de traballo empeza a resultar profundamente preocupante, até o punto de chegar a comprometer a viabilidade de determinadas empresas ou, canto menos, as súas posibilidades de crecemento” e subliñou que o impacto negativo deste problema é “aínda maior en provincias como Lugo, das máis envellecidas e despoboadas do país”.
Avogou por “un maior compromiso institucional e de todos os axentes sociais, entre os que estamos as empresas”, con solucións que, para el, “pasan desde por reducir a burocracia ao mínimo, por exemplo, en cuestións como a regularización para a contratación de poboación estranxeira, a ser cada vez máis conscientes das posibilidades positivas que nos ofrece a tecnoloxía para paliar novas esixencias sociais como a de conciliación familiar”.
Pola súa banda, Pilar Fernández destacou os proxectos que se están desenvolvendo desde a Xunta de Galicia para mellorar a cobertura de vacantes, como un proxecto piloto de Intelixencia Artificial no novo sistema EMI co que as oficinas de emprego axustarán os perfís ás demandas reais do mercado, o reforzo dos servizos de orientación laboral autonómicos ou o programa Retorna Cualifica Emprego para atraer talento do exterior, entre outros.
Na xornada tamén participaron Nicolás González Raposo, xefe da Inspección de Traballo e Seguridade Social en Lugo, que realizou un repaso polo escenario de contratación desde a aprobación da nova reforma laboral hai un ano; Noel Muiños, director da delegación de ADECCO en Lugo, que abordou o reto das vacantes desde o punto de vista da xestión de recursos humanos, destacando o cambio de paradigma que significa que “o empresario teña que venderse para captar talento” ou Javier Romay, director comercial do Grupo Isonor, que subliñou a importancia vital da formación especializada para mellorar a empregabilidade propia.
Panel sectorial
A xornada pechouse cun panel sectorial conformado por representantes das asociacións empresariais de hostalaría (o presidente de APEHL, Cheché Real), transporte de mercadorías (o presidente de Tradime, José Fernández) e construción (o xerente de APEC, Eugenio Corral) que, moderados pola responsable dos servizos xurídicos da CEL, Lourdes Pardo, expuxeron a problemática particular de cada un destes sectores, especialmente afectados pola falta de traballadores.
Os participantes no panel coincidiron en resaltar a alta idade media do persoal, que se move entre os 45 e 60 anos, e a falta de substitución xeracional, unha situación que en provincias envellecidas e despobladas como Lugo convértese en especialmente preocupante.