Escrito o:
XORNADA INFORMATIVA | Mercado laboral: o reto do emprego
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) organiza, co apoio da Xunta de Galicia e no marco das actuacións do Diálogo Social en Galicia, a xornada informativa "Mercado laboral: o reto do emprego" na que se abordará, da man de expertos e representantes empresariais, e desde diferentes puntos de vista, o impacto da última reforma laboral na contratación, así como o preocupante problema de dificultades para a cobertura de vacantes de traballo nas empresas, especialmente en determinados sectores.
Máis concretamente, contempla no seu programa (descargable completo ao final desta entrada) a participación do xefe da Inspección de Traballo e Seguridade Social en Lugo, Nicolás González Raposo, que será o encargado de analizar o novo escenario de contratación; Noel Muiños, director da delegación de ADECCO en Lugo, que abordará o reto das vacantes desde unha visión xeral e Javier Romay, director comercial do Grupo Isonor, que analizará o impacto da formación como ferramenta de solución ao problema das vacantes. A maiores, o encontro inclúe un panel sectorial conformado por representantes das asociacións empresariais provinciais de hostalaría, construción e transporte de mercadorías que, moderados pola responsable dos servizos xurídicos da CEL, Lourdes Pardo, exporán a súa problemática particular en relación á nova situación do emprego.
A xornada terá lugar o próximo día 22 de novembro, mércores, en horario de 10:30 a 12:30 horas. A asistencia poderá ser presencial (na sede central da CEL en Lugo) ou telemática.
As prazas son limitadas en ambas as modalidades e cubriranse por rigorosa orde de inscrición, que pode tramitarse a través da seguinte ligazón:
INSCRICIÓN XORNADA MERCADO LABORAL: O RETO DO EMPREGO | 22 de novembro de 2023