Voltar atrás

Escrito o:

As oportunidades e desafíos do mercado laboral en Sarria, a análise nun encontro de Fundación CEOE, Cáritas e a CEL

A Fundación CEOE, Cáritas Diocesana de Lugo e a Confederación Empresarial de Lugo (CEL) organizan para este venres, día 17 de novembro, o encontro Radiografía do mercado laboral en Sarria: que oportunidades e desafíos presenta?

O encontro inscríbese no marco do proxecto EmpleaLab, xestionado por Cáritas e financiado polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións a través dos Fondos Next Generation da Unión Europea dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. 

EmpleaLab, un proxecto piloto de investigación e inclusión social ten un dobre obxectivo: mellorar a empregabilidade das persoas participantes (perceptores de IMV e persoas en situación de vulnerabilidade) e facilitar ás empresas a cobertura dos seus postos de traballo vacantes. Ademais de en Lugo, está a desenvolverse noutras 10 provincias españolas: Albacete, Barcelona, Conca, Xirona, Guadalaxara, León, Menorca, Ourense, Valladolid e Zamora.

Nesta provincia o proxecto, cuxas características tamén se explicarán no evento de Sarria, está a desenvolverse desde o mes de marzo. Máis dun centenar de empresas xa están a colaborar desde Lugo.

Mesa redonda

Con formato mesa redonda, o encontro terá lugar no Hotel Alfonso IX de Sarria de 19 a 21 horas, e contará coas achegas de Amparo González, directora de Cáritas Diocesana Lugo; Ricardo Arias, presidente da Asociación de Comerciantes e Industriais de Sarria; Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Hostalaría e Turismo de Lugo e de Galicia; Consuelo López, responsable de Gandaría Quitián e César No Cortiñas, responsable de Marketing de Galimplant.

De explicar os obxectivos e características de EmpleaLab encargaranse o coordinador de Emprega Lab na Fundación CEOE, Miguel Anxo García, e a secretaria xeral de Cáritas Diocesana de Lugo, Mónica Yáñez. 

Claudio Garrido, alcalde de Sarria, participará tamén neste evento.

INSCRICIÓN NA XORNADA