Voltar atrás

Escrito o:

Empresas do sector turístico buscan solucións innovadoras en Ribadeo

Ribadeo acolleu esta semana o obradoiro “Brainstorming: innovación como futuro no turismo”, organizado pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) co apoio da Xunta de Galicia no marco do programa Conecta Lugo. 

Quince empresas do sector turístico (de hostalaría, restauración, axencias e consultoría), déronse cita no Real Club Náutico de Ribadeo neste encontro no que, en dinámicas de grupo, trataron de buscar solucións baseadas na innovación para apuntalar o seu futuro.

O obradoiro foi inaugurado por Jaime López, secretario xeral da CEL, e Javier Arias, delegado territorial da Xunta en Lugo, e contou coa participación de técnicos especializados en innovación; do presidente do Cluster de Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal; do director adxunto da aceleradora Turislab Galicia, Manuel G. García ou coas experiencias de Roberto Fraga, CEO e fundador de Pilgrim, e Pepe Formoso Mourelos, patrón do Buque Hotel Bela Fisterra.

O obxectivo final do encontro foi o de elaborar unha DAFO conxunta entre asistentes, relatores e técnicos especializados, que derivou nunha mochila de ideas e solucións innovadoras para cada unha das empresas asistentes.

Conecta Lugo

Conecta Lugo é un programa de tutelaxe e asesoramento empresarial posto en marcha pola CEL co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación e o Instituto Galego de Promoción Económica. Busca unha mellora no acceso das pemes lucenses, en especial as situadas no rural, ás axudas para modernización, innovación ou mellora da competitividade, entroutras, habilitadas pola Administración Autonómica.

Segundo lembro o secretario da CEL, Jaime López, na primeira fase desta iniciativa, finalizada en decembro de 2022, “un total de 352 empresas foron asesoradas no marco de Conecta Lugo”. Asemade, “a análise de datos a nivel galego desvelou ademáis un notable incremento de participación das empresas lucenses nos programas de axuda autonómicos, nalgúns dos cais incluso se cuadriplicaron as solicitudes”.

O secretario da CEL subliñou que a actual fase de Conecta Lugo continúa aberta e que as empresas poden solicitar asesoramento individualizado no marco deste programa até o 31 de decembro do actual exercicio. 

LIGAZÓN PARA PETICION DE ASESORAMENTO CONECTA LUGO