Escrito o:
A CEL, satisfeita polas novas inversións na provincia como a de Naturleite
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) manifesta a súa satisfacción polos novos investimentos en iniciativas empresariais que se están producindo na provincia nas últimas semanas.
Entre elas destaca a de Naturleite, unha das empresas do Consello Asesor da CEL, situada en Meira e pertencente ao grupo andaluz COVAP, que vén de rubricar a adquisición da tamén meirense Cereales Rego.
Para a organización empresarial lucense esta compra “certifica a aposta decidida de Naturleite pola provincia no seu proceso de expansión industrial” e o “recoñecemento do potencial do sector primario neste territorio, da súa calidade e posibilidades de crecemento industrial no medio prazo”.
Naturleite informou a principios deste mes da compra de Cereales Rego, fábrica de pensos situada en Meira, destinada á produción, almacenamento e distribución de pensos para as especies bovina, porcina, e aviaria, adscrita ao sistema de Calidade Galicia Alimentos Seguros (Galis).
Sinalaba nun comunicado que o obxectivo desta adquisición era o de “reforzar os servizos que ofrece ás gandarías de Galicia” e “achegarlles valor”. Destacaba tamén o seu presidente, Ricardo Delgado Vizcaíno, que “a compra de Cereales Rego pon de manifesto o compromiso que desde o inicio mantivemos con Galicia e co seu sector primario, un dos factores crave do noso modelo” e que con esta adquisición refórzase “o servizo que podemos ofrecer ás gandarías galegas, neste caso na área da elaboración de pensos non só para gando vacún leiteiro, senón tamén para vacún de carne, porcino ou aviario, incorporando unha actividade que tradicionalmente estivo moi vencellada a COVAP, con centros de alimentación animal en Andalucía e recentemente tamén en Extremadura, abarcando toda a cadea alimentaria, dende a orixe”.
Fotografía: O director xeral de Naturleite, Antonio Larrea, co consellero delegado da CEL, Eduardo Valín, e o secretario xeral da CEL, Jaime López, nunha visita ás instalacións da fábrica en Meira (Arquivo CEL)