Escrito o:
O I Foro de Innovación Empresarial reúne a un centenar de empresarios e representantes do ecosistema innovador en Lugo
Lugo converteuse onte en centro de debate sobre innovación empresarial nun foro organizado pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) no marco do programa Conecta Lugo, posto en marcha co apoio da Xunta de Galicia. Congregou a un centenar de empresarios e outros representantes do ecositema innovador no Hotel Méndez Núñez.
Baixo a denominación I Foro de Innovación Empresarial, o evento iniciouse coa intervención de Eduardo Valín, conselleiro delegado executivo da CEL, que subliñou a importancia de coñecer "máis profundamente o que é innovar, como facelo, cando, por que e como aproveitalo para apontoar a nosa competitividade e posición no mercado" así como o papel do programa Conecta Lugo na mellora do acceso das empresas da provincia ás axudas autonómicas en materia de innovación.
Javier Arias, delegado territorial da Xunta en Lugo, participou tamén na apertura do Foro subliñando que en 2022 "as empresas de Lugo acapararon o 24'3% do total de petiiones das axudas xestionadas pola Axencia Galega de Innovación e o Igape, o que supuxo case dez puntos máis que en 2021", así como que tamén foron resoltos en positivo un 18% máis de expedientes.
Innovar, máis que tecnoloxía
Xavier Marcet, consultor en estratexia, innovación e emprendimiento corporativo considerado un "gurú" en materia de innovación empresarial impartiu unha conferencia maxistral no marco deste foro sobre os retos do management, facendo fincapé na diferenza entre os conceptos de tecnoloxía e innovación e na necesidade de que as empresas poñan a mirada no futuro, evitando o cortoplacismo.
Tras a intervención de Marcet tivo lugar unha mesa redonda de debate, moderada polo CEO de Medrar Smart Solutions Hugo Criado, que, baixo o título "os retos de innovar dende Lugo", contou coa participación de Carmen Lence, CEO de Grupo Lence - Leite Río, que falou da innovación sabendo observar e apreciar o que outros fan ben; Juan Luís Méndez Rojo, CEO de Vinigalicia, que explicou a experiencia da innovación desde un mesón familiar e o traballo en equipo; de Sergio Martínez, director xeral de Quescrem, que reivindicou o papel (que hai que recoñecer, coidar e impulsar) da Universidade na xeración de novas iniciativas empresariais innovadoras e de Marc Marcet de Lead To Change que subliñou o seu convencemento do potencial innovador das empresas de Lugo.
Todos compartiron unha reflexión que pode considerarse a conclusión final do Foro: a necesidade urxente de Lugo de atraer e reter talento.