Escrito o:
Traballando para mellorar a posición das empresas de Lugo en materia de innovación
A Confederación de Empresarios de Lugo organizou o venres pasado un taller intensivo e práctico de innovación en Chantada. Esta acción formativa, dirixida a un grupo reducido de dez pequenas empresas da zona de Ribeira Sacra, púxose en marcha baixo o título "Primeiros pasos cara á innovación" no marco de Conecta Lugo, programa que a CEL desenvolve en colaboración coa organización empresarial lucense.
O taller tiña por obxectivo, nunha sesión única e dirixida por expertos en innovación, facilitar que os seus participantes se animasen a dar forma ás súas novas ideas e a optar a axudas públicas á súa disposición para implantar as súas propostas.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou no taller e destacou que a posta en marcha do programa Conecta Lugo está a favorecer que sexan máis as empresas da provincia que se presentan ás convocatorias de axudas da Administración autonómica.
Conecta Lugo ten como obxectivo achegar ás empresas luguesas información e asesoramento sobre o mapa de axudas da Xunta de Galicia, así como a organización de xornadas de divulgación e foros sectoriais. Así mesmo, proporciona información e asesoramento personalizado tanto in situ nas empresas como en oficinas específicas de información en Ribadeo e Monforte de Lemos.
Como balance do primeiro ano deste programa, 2022, Conde precisou que a provincia de Lugo acapara un 24,3 % do total das solicitudes recibidas na Administración autonómica (xestionadas pola Axencia Galega de Innovación e polo Igape) de empresas de toda Galicia; case dez puntos máis con respecto a 2021 e das que resultaron aprobadas até case un 18% máis.
A CEL ten previsto convocar novas accións divulgativas no marco deste programa de forma inmediata e lembra que para recibir asesoramento individualizado en 2023 pódese solicitar xa a través desta ligazón.