Escrito o:
As empresas de Lugo incrementan o seu interese por innovar
A sede central da CEL acolleu hoxe a xornada de presentación do Mapa de Apoios á I+D+i da Xunta de Galicia para 2023, coa presenza nunha primeira mesa de traballo da directora xeral da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey; o delegado territorial en Lugo da Xunta de Galicia, Javier Arias Fouz, e o secretario xeral da CEL, Jaime López.
Patricia Argerey destacou durante a súa intervención no encontro o incremento do interese das empresas lucenses neste tipo de apoios, reflectido no exercicio 2022 en datos como, por exemplo, que "Lugo aglutinou o 20% das solicitudes do programa InnovaPeme, cando en exercicios anteriores esta porcentaxe non superaba o 4%". Un crecemento da presenza lucense extensible a outros programas como AceleraPeme, Bonos de Inovación ou axudas do Igape, resaltou.
Pola súa banda, o secretario xeral da CEL informou da continuidade da iniciativa Conecta Lugo, que apoia a Xunta de Galicia desde 2021, e a través da que a CEL desenvolverá novas accións informativas e divulgativas en materia de innovación e axudas e ofertará de novo servios de asesoramento e acompañamento individualizado.
Axudas e experiencias
O encontro empresarial, que congregou a máis dunha trintena de empresarios, comprendeu dúas mesas de traballo adicionais, unha sobre as diferentes liñas de axuda na que participaron Patricia Fernández Liz, directora da área de Servizos da Axencia Galega de Innovación; Antonio Basanta, director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación e Belén Fernández, técnico do Igape; e outra con experiencias empresariais exitosas en materia de innovación da provincia de Lugo.
Na mesa de casos prácticos escoitáronse os testemuños de Marta Gontá, responsable de Desenvolvemento e Tecnoloxía do Grupo Jim Sports; Adrián Rodríguez, cofundador de NIGAL Nova Industria Galega e Noelia Ron Veiga, CEO de Biobocado.