Voltar atrás

Escrito o:

A CEL recibe ao cónsul xeral do Uruguai en Galicia

O secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, recibiu hoxe en Lugo ao cónsul xeral do Uruguai en Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, Ramiro Rodríguez Bausero.

O encontro é un máis de diversos contactos institucionais que a CEL mantén periodicamente con diferentes entidades representativas doutros países de face a facilitar as relacións comerciais das empresas lucenses no exterior e impulsar as súas posibilidades de investimento e internacionalización.

Uruguai

A República do Uruguai é un país democrático, estable e seguro que está considerado polo Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) como o terceiro país de Latinoamérica (despois de Chile e de Arxentina) con maior Índice de Desenvolvemento Humano (IDH), e o 54º no mundo. Tamén está entre os países latinoamericanos cun PIB per cápita máis alto e unha distribución da riqueza máis equitativa.

O país creceu entre 2004 e 2015 un 5% anual e traballou especialmente por mellorar a axilidade dos trámites aduaneiros e a fluidez das operacións de comercio internacional. É parte de Mercosur e posúe un tratado de libre comercio con México, o que lle converten en porta de acceso a un mercado potencial de 400 millóns de persoas.

A estabilidade política, económica e social de Uruguai resulta favorable ao investimento e ao establecemento de novas empresas, en sectores tan diversos como infraestruturas, enerxía, manufacturas, agroalimentario, turismo ou retail, de claro interese para o tecido produtivo lucense.