Voltar atrás

Escrito o:

Os empresarios de Lugo infórmanse sobre a nova Lei de Áreas Empresariais de Galicia

A sede central da CEL acolleu hoxe un encontro con Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e Heriberto Garcia, director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Chan, no que os empresarios de Lugo poideron informarse sobre a nova Lei de Áreas Empresariais de Galicia, que se aprobará en menos dunha semana. 

Segundo a conselleria, trátase dunha norma "pioneira", que permitirá fortalecer a economía e "ter mellor calidade de vida e emprego de calidade". Destacou así mesmo que se trata dunha lei "consensuada" que permitirá "planificar moito mellor" o chan industrial na comunidade galega. Lembrou que a norma permitirá reservas estratéxicas de cara a poder atender as necesidades puntuais dos empresarios, así como que estes poidan decidir o tipo de servizos que necesitan. Tamén regula a posibilidade de que estas áreas se urbanicen por fases. 

Durante a reunión, na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, tamén destacou que a Xunta de Galicia adxudicará este ano máis de 64.750 metros cadrados de chan empresarial na provincia de Lugo. Detallou que no que vai de ano o Goberno galego xa adxudicou máis de 43.500 m2 de chan empresarial, aos que hai que engadir os 21.218 m2 que se prevé adxudicar proximamente.

Despois de incidir en que a Xunta "certifica, unha vez máis, o seu compromiso con Lugo, potenciando o emprego e o asentamento", Ángeles Vázquez puxo en valor a recente adxudicación por preto de 51.000 euros da redacción dos proxectos de urbanización de tres novas fases -IV-V e VIIa- do parque empresarial das Gándaras, que inclúen un total de 188.472 *m2.

A maiores, segundo indicou a conselleira, están a executarse as obras de urbanización da terceira fase, que xunto ás da segunda fase -finalizadas en decembro do ano pasado-supoñen un investimento por parte da Xunta de 5,94 millóns de euros.

Ángeles Vázquez tamén na reunión lembrou que a segunda modificación do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia (PSOAEG) está na actualidade no período de exposición pública. Esta reforma inclúe a creación e modificación de chan en 19 concellos, dos que tres corresponden á provincia de Lugo -O Corgo, Palas de Rei e O Valadouro-.