Voltar atrás

Escrito o:

Monforte acolle a presentación dun proxecto piloto para o peche de ciclos produtivos en ovino e caprino impulsado por FAGA

O Parador de Monforte de Lemos acolleu hoxe a presentación dun proxecto piloto para o peche de ciclos produtivos en Galicia a través do aproveitamento de produtos cárnicos e lácteos de ovino e caprino, o Proxecto Rumiantes ou “PRALEITE”.

O proxecto foi presentado no Foro “Nacer e Medrar”, organizado pola Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA) co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración de Santander Agro para promover o networking e intercambio de iniciativas emprendedoras entre empresarios e outros axentes do sector agroalimentario.

Jaime López, como secretario da CEL e de FAGA, e José Tomé, como presidente da Deputación de Lugo, foron os encargados de presentar o Foro. Ambos coincidiron na necesidade de pechar ciclos produtivos no agroalimentario galego e no impacto que esto pode ter na loita contra a despoboación. En palabras de Jaime López, “non nos queda máis remedio ca mirar cara o rural”, e de José Tomé, “producimos pero non transformamos, e eso é unha pena”; “temos unas materias primas e uns produtos boísimos, pero temos que traballar para que o valor engadido se quede en Galicia”.

Os veterinarios e diplomados europeos en pequenos rumiantes, hoxe exercendo na Universidade de Zaragoza, José Mº González Sainz e Teresa Navarro Rodríguez, foron os encargados de realizar o estudio de campo en Galicia e desenvolver o proxecto Rumiantes ou PRALEITE” (Proxecto piloto para a implantación de granxas de pequenos rumiantes de aptitude leiteira en zonas rurais do Sur da provincia de Lugo -PRALEITE, Pequenos Ruminantes Aptitude LEITE-).

González Sainz presentou “Praleite” ante unha vintena de persoas, entre as que se atopaban veterinarios, membros de OVICA e empresas transformadoras con interese na producción da tipoloxía de explotacións prevista no proxecto. Entroutros, estiveron presentes representantes de Naturleite, Suministros Megaro Foods, Entrepinares, Naturleite ou Dayrlac.

Proxecto Rumiantes
O proxecto Rumiantes ou Praleite xurde “por iniciativa da propia industria”, segundo destacou o presidente de FAGA e CEO de Megaro Foods, Carlos Cebrián. “Non nace coma un proxecto subvencionado, se non que somos as propias industrias as que temos interese na producción cárnica e láctea de explotacións de ovino e caprino, e eso garantiza a súa viabilidade”. “Este interese -subraia- é o que nos leva a buscar ferramentas como a constitución dunha Fundación e o estudio especializado dun modelo de explotación que sexa viable e sostible en Galicia”. Neste punto, na posta en marcha de FAGA e a realización do estudo contamos “co apoio da Deputación de Lugo”.

A realización do estudo supuxo a visita de explotacións gandeiras por todo Galicia, e especialmente no sur de Lugo pola dispoñibilidade de hectáreas, e a definición dun modelo de explotación de ovino e caprino, alternativa ao gando vacuno, especialmente para producción e leite destos animais que nestos momentos prácticamente non existe nesta Comunidade, aínda que se aproveitaría tamén a carne.

A fin de garantir a súa implantación a futuro, con viabilidade e a longo prazo, para o modelo de explotación definido en Praleite estudiáronse a fondo esas tres vertentes, as necesidades de inversión e financiamento, número máximo de animais que poida atender en cada unha para garantir a conciliación laboral e familiar e evitar o abandono das novas xeracións destas explotaicóns, investigación e innovación, ratios de rendabilidade e xeración de emprego, entroutros. Estúdiase agora a ubicación da primeira granxa deste tipo de cara a comprobar os resultados do estudio e expandir o modelo por toda Galicia.

Produtores e empresas
No Foro tamén interviron, tras a presentación do proxecto, Luis Rivera e Miguel Viña, presidente e veterinario da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA) respectivamente, e representantes de Naturleite, Entrepinares, Suministros Megaro Foods S.L., Santander Agro e a consultora de innovación Medrar.
Dende OVICA resaltaron que Praleite é un “proxecto ilusionante” porque “nace cunha base inicial moi forte, tanto polas posibilidades de financiamento e o interese da industria como por ter perfectamente estudiadas cuestións relacionadas coa sanidade, a alimentación dos animais ou a propia conciliación dos gandeiros”.

Por parte das empresas destacouse, en todos os casos, o gran interese que existe na producción deste tipo de explotacións de poñerse en marcha, pois en moitos casos están traendo para transformar leite e carne de ovino e caprino de fóra. Precisamente este interese da industria, que garantiza a compra de toda a producción deste tipo de explotacións, “é unha garantía de éxito para o proxecto”, destacan dende FAGA.

FAGA

A Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA), constituida en xaneiro desde ano co impulso da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), a Escola Galega de Carniceiros, Suministros Megaro Foods e Embutidos Montepicato, está detrás deste proxecto.

Entre os seus obxectivos fundacionais atópase o fomento da cooperación entre os distintos estamentos da sociedade co fin de reactivar e relanzar o sector agroalimentario galego ou a promoción da innovación e a tecnoloxía para a consolidación do sector agroalimentario da comunidade e o impulso de novos produtos, canles de distribución, procesos e comercialización dos produtos agroalimentarios galegos.

Asemade, FAGA busca aglutinar e apoiar accións para facer fronte aos retos da industria agroalimentaria galega, promover iniciativas empresariais e transformadoras que redunden na promoción, a transformación, a modernización e a recuperación do sector agroalimentario da comunidade e a mellora do rendemento das explotacións e potenciar e/ou colaborar con estratexias que redunden en beneficio do sector agroalimentario galego.

Do mesmo xeito, a Fundación Agroalimentaria Galega persegue captar e atraer investimentos nacionais ou internacionais e potenciar a peme agroalimentaria galega e o desenvolvemento do emprendimiento nas zonas rurais de Galicia. Tamén colaborar coas administracións públicas e empresas agroalimentarias co fin de conseguir selos e denominacións de calidade diferenciada nas producións agroalimentarias galegas, así como para recuperar e pór a producir terreos en estado de abandono en Galicia, entroutros obxectivos. 

Tendo en conta estes obxectivos, a propia Xunta, a través da Consellería de Medio Rural, declarou a FAGA Fundación de interese galego e de interese para o desenvolvemento do rural de Galicia.