Voltar atrás

Escrito o:

A CEL participa na presentación da Estratexia Loxística das Infraestruturas de Galicia 2020-2028

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), a través do seu secretario xeral, Jaime López, participou onte en Santiago de Compostela no acto de presentación da Estratexia Loxística das Infraestruturas de Galicia 2020-2028. A CEL defendeu unha vez máis a plataforma loxística de Monforte de Lemos e o eixo A Coruña - Ferrol - Lugo - Monforte como entrada e saída natural de mercadorías entre Galicia e o Corredor Atlántico, independentemente de que se poida complementar cun saída Sur.

A CEL insiste unha vez máis e como noutras moitas ocasións, en que Monforte "é a entrada natural, máis rápida e lóxica a Galicia para calquera tipo de transporte" e que, ademais, xa este núcleo conta "coas infraestruturas necesarias, concretamente a plataforma loxística do porto seco, para ser o nó entrada e saída de mercadorías á comunidade".   

Neste senso, a CEL subliña unha vez máis que os antigos eixos ferroviarios Palencia - Monforte - A Coruña e Palencia - Monforte - Vigo forman parte da denominada rede básica, para a que se conseguiu que poida optar aos fondos europeos "Conecta Europa" para a súa rehabilitación e conexión co Corredor Atlántico, adaptándoas ao ancho europeo e a electrificación a 25 KV para empezar a soportar tráfico de forma inmediata.

Esta saída, por tanto, e segundo resalta Jaime López, é a aposta prioritaria da propia Unión Europea para o tráfico de mercadorías en Galicia.