Voltar atrás

Escrito o:

Suministros Megaro Foods SL, entre as 500 pemes líderes de crecimiento en España

A empresa Suministros Megaro Foods S.L., que forma parte do Consello Asesor da CEL, ven de ser seleccionada pola Confederación Española de la Pequeña y Mediana Empresa (Cepyme) como “Empresa CEPYME500 2021”, o que significa que esta peme con sede en Castro de Ribeiras de Lea (Lugo) sitúase entre as 500 empresas que lideraron o crecemento empresarial no conxunto do territorio español durante o último exercicio.

CEPYME500 é unha iniciativa Cepyme que identifica, selecciona e promociona ao conxunto das 500 empresas españolas que son líderes en crecemento empresarial, tanto polos seus resultados como a súa capacidade para xerar valor engadido, emprego, innovación e proxección internacional.

Para esta selección das pemes máis relevantes da economía española, Cepyme realiza un estudo polo que se valoran variables financeiras e indicadores de innovación e expansión internacional dispoñibles en fontes de acceso público a través dunha exhaustiva análise no que colabora Informa D&B, que xestiona unha base de datos con información comercial e financeira altamente cualificada.

Até chegar ao reducido grupo de 500 empresas recoñecidas como empresas CEPYME500, considéranse soamente sociedades anónimas e limitadas de calquera sector, cunha antigüidade mínima de catro anos, con accionariado español, unha cifra mínima de vendas de entre 10 e 200 millóns de euros, que rexistren unha Taxa de Crecemento Anual Composto, nos 3 últimos exercicios, superior ao 15%, e que ademais conten con datos positivos en indicadores de solvencia, proxección internacional e innovación das empresas. Conta con 29 empregados, factura máis de 17 millóns de euros ao ano, ademais de contar con presenza internacional nas zonas xeográficas de Oriente Medio, Asia - Pacífico e a área do Caribe.

O estudo de Cepyme destaca de Suministros Megaro Foods que a súa taxa anual de crecemento de vendas alcanza un 60,55% ou que a súa rendibilidade económica (ROA) sitúase nun 14,41%. Detalla que “nace do espírito emprendedor de Carlos Cebrián, que recolle a testemuña dunha longa experiencia empresarial familiar do sector cárnico” e subliña que “compaxinando unha selección exhaustiva de materias primas con longa experiencia no despezamento e cuns procesos produtivos optimizados, ofrece produtos a sectores como retail, food service, Horeca e industria alimentaria”. 

Carlos Cebrián promoveu ademais desde a súa chegada a Galicia con Suministros Megaro Foods varias iniciativas a nivel local relacionadas co seu sector, como a Escola de Carniceiros de Galicia e a Fundación Agroalimentaria Galega (FAGA), esta última coa CEL e da que é na actualidade presidente.

Só outras dúas empresas destacan en Lugo xunto con Megaro Foods como líderes en crecemento, Enerxía Galega Máis e Vázquez Portela.

As empresas CEPYME500 forman parte dun Anuario impreso, unha guía de referencia e de consulta, así como dun portal web onde se recoñece o seu valor dándolles visibilidade (www.cepyme500.com).