Escrito o:
Acordo de CEL e Frago & Suárez para reforzar o asesoramento a empresas en solicitudes de axudas dos fondos Next Generation EU
A sede central da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu esta mañá o acto de firma dun convenio de colaboración entre esta entidade e Frago & Suarez Avogados Penalistas, a través do que se ampliarán os servizos de asesoramento da organización empresarial cos que ofrece esta entidade no ámbito dos requirimentos esixidos ás empresas para optar ás convocatorias de axudas dos fondos Next Generation EU.
Ademais do secretario da CEL, Jaime López, no acto de firma estiveron presentes Juan Antonio Frago Amada, avogado e fiscal de delitos económicos en excedencia, socio responsable da área Penal de Frago & Suarez; Verónica Suárez e Rubén Veiga, avogada responsable da área Procesual especializada en plans de igualdade e avogado e consultor de Compliance de Frago & Suárez, respectivamente.
A CEL sinala tras a firma deste acordo o seu “interese en fomentar para os seus socios a implementación de programas de cumprimento normativo ou Compliance, plans de igualdade e outros análogos, así como a formación en todas estas materias”.
Obrigas para empresas
Máis concretamente, o convenio incide nas obrigacións requiridas ás empresas para presentarse ás convocatorias de axuda dos fondos Next Generation EU, articuladas a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.
As entidades asinantes subliñan que as empresas que conten con certificación ISO 37.001 ou cun modelo de compliance robusto, entre outros requisitos, terán mellores opcións de éxito ao optar a este tipo de subvencións. Destacan, ademais, que contar con modelos de Compliance robustos supón unha ventaje competitiva na nova realidade post COVID-19.
Para aclarar estas e outras cuestións, e no marco do acordo asinado hoxe, a CEL organizará en próximas datas un evento informativo sobre requisitos de acceso para empresas no ámbito formal ás axudas Next Generation EU, e para o que contará tamén co apoio da Deputación Provincial de Lugo.
Frago & Suárez
Frago & Suárez conta entre os seus socios fundadores con Juan Antonio Frago Amada, avogado e fiscal de delitos económicos en excedencia. Entre outros, exerceu como Fiscal en Santiago de Compostela entre 2007 e 2010, estranxeiría e sinistralidade laboral e desde esa data na Coruña, primeiro no grupo de delitos urbanísticos e ambientais e pertencendo desde 2014 ao grupo de delitos económicos. Foi, ademais, secretario da Asociación Profesional e Independente de Fiscais entre 2016 e 2019 e o seu presidente entre 2019 e setembro de 2021 e gañou catro premios de Dereito Penal e a Medalla de Ouro ao Mérito Profesional das Relacións Industriais e as Ciencias do Traballo, con distintivo vermello, concedida polo Consello Xeral de Titulados Superiores en Relacións Industriais e Licenciados en Ciencias do Traballo de España.