Voltar atrás

Escrito o:

Nova iniciativa para a creación da Autoridade Portuaria de San Cibrao e a apertura do dique norte de Morás

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) levará ao Congreso e ao Parlamento a necesidade de liberalizar o dique norte de Alcoa e crear unha Autoridade Portuaria propia en Lugo, dando un novo respaldo a esta petición histórica da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL). Búscase que os recursos xerados nos portos lucenses revertan na provincia, o que non sucedeu até agora. O secretario da CEL, Jaime López, participou onte nunha reunión sobre esta cuestión na Mariña con representantes sindicais e do grupo político nacionalista, entre os que se atopaban Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, e Daniel Castro, deputado autonómico da mesma formación, entre outros. 

Trátase dun paso máis nunha demanda que xa recibiu o apoio unánime de todos os partidos políticos vía moción no Pleno da Deputación de Lugo e da sociedade civil da provincia en xeral coas adhesións, entroutros colectivos, da Federación Provincial de Asociacións de Veciños.

"A pesar de que en 2002 foi creada a Provincia Marítima de Lugo e da importancia do Porto de San Cibrao dentro da comarca da Mariña, a día de hoxe, a costa lucense continúa se ter unha Autoridade Portuaria propia", sinálase desde o BNG coincidindo co xa manifestado de forma reiterada pola CEL.

O Bloque asegura que a xestión e ordenación destes recursos desde a propia comarca repercutiría de forma "moi positiva" e "favorecería" o desenvolvemento económico, xa que "todos os recursos que xera agora mesmo o porto de Alcoa poderían ser investidos alí onde se producen".

"Existen sobrados motivos, ademais dos de índole económico, que avalan a necesidade de crear Autoridade Portuaria propia en San Cibrao, segregándoa da de Ferrol, pois permitiría unha mellor xestión e ordenación do territorio e a planificación das infraestruturas de forma autocentrada", indica o Bloque, que sostén que o que se recada no porto utilizado por Alcoa "podería reverter na comarca directamente".

Así mesmo, Néstor Rego asegurou que debe de ser acometida a liberalización do denominado dique norte de Morás e situar á fronte da xestión e administración desta infraestrutura a unha autoridade portuaria propia, un factor que sería "decisivo para o seu mellor aproveitamento".

O parlamentario sinalou que Alcoa só explota o dique sur, unha concesión que termina en 2023, polo que "sería perfectamente factible liberar o dique norte e utilizalo para o tránsito comercial". Esta acción, segundo apunta, "permitiría habilitar un porto de atracada de 240 metros de lonxitude para buques de até 222 metros de eslora e 11,5 de calado e a utilización de 50.000 metros cadrados de chaira portuaria".

Os nacionalistas galegos, que tamén presentarán esta iniciativa na Cámara autonómica, consideraron que, mentres que non se constitúa a Autoridade Portuaria de San Cibrao, tense que "dar as instrucións necesarias para que se proceda a unha redistribución dos ingresos obtidos do Porto de San Cibrao de forma que revertan en beneficio da costa lucense", coincidindo tamén co xa reclamado polos empresarios de Lugo de forma repetida.