Escrito o:
Constitúese un Comité de Expertos para a Fundación Agroalimentaria de Galicia con Álvaro Rodríguez Eiras á cabeza
Álvaro Rodríguez Eiras, o que foi un dos impulsores e primeiro presidente da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), vén de sumarse á Fundación Agrolimentaria de Galicia a través do seu Comité de Expertos, que presidirá, tras reunión mantida con dous dos seus impulsores e hoxe tamén cabezas visibles da CEL, Eduardo Valín e Jaime López.
O fundador de ARESA, empresa punteira de Lugo dedicada á venda de fertilizantes e outros produtos agrícolas que cumpre 50 anos neste exercicio, é un home inquieto sen o que non pode entenderse a historia do asociacionismo empresarial lucense e galego, nin moitas das iniciativas de respaldo e impulso ao sector agroalimentario autonómico. Entre elas, destaca o Premio Aresa, que vén recoñecendo dende o ano 2000 a aqueles proxectos empresariais ou de institucións que redundan na mellora da contorna rural.
Activo a nivel asociativo e político, foi tamén clave e cabeza visible do debate político en Lugo durante a Transición.
Por outra banda, ao Comité de Expertos da Fundación Agroalimentaria de Galicia incorporarase tamén José Mouriño. Enxeñeiro Técnico Agrícola, José Mouriño participou de forma directa ou indirecta en case todas as denominacións de orixe de Galicia; despois de traballar nas xefaturas provinciais de Produción Vexetal, en Bilbao e Lugo, enfocou a súa actividade no mundo da industrialización, comercialización e calidade agroalimentaria, ocupando diversos postos na Administración Autonómica de Galicia, até a súa xubilación como xefe do Servizo de Control de Calidade e Industrias en Lugo. Foi representante do Ministerio de Agricultura en varios consellos reguladores e membro das xuntas vitivinícolas. Desenvolveu unha importante laboura no ámbito da promoción industrial, nas denominacións de calidade e na recuperación de produtos agroalimentarios (aceite, sidra, embutidos, queixos, viños, etc.), entre a que destacan os proxectos da D.O. Ribeira Sacra e da D.O.P. Queixo de San Simón da Costa.
A Fundación espera incorporar novos expertos a este organismo asesor que, pola súa experiencia e traxectoria profesional, acheguen valor á entidade como o é o caso de Álvaro Rodríguez e José Mouriño.
Fundación
A Fundación Agrolimentaria de Galicia, que preside Carlos Cebrián Escobar, ten como fin xeral o de “agrupar a diferentes organizacións empresariais, empresarios individuais, entidades mercantís empresariais e distintas entidades da Comunidade Autónoma Galega co obxecto de fomentar e promover o sector agroalimentario galego co seguinte desenvolvemento e potenciación do medio rural en Galicia”. Con maior concreción, a Fundación Agroalimentaria Galega buscará que as empresas do sector agroalimentario poidan rematar ciclos produtivos en Galicia e incrementar o valor do PIB comunitario.